Recicletas de Nadal

79

O Concello de Pontevedra presentou hoxe a campaña Recicletas no Nadal que poñen en marcha a Concellaría de Benestar Social Municipal e de Mobilidade ciclista a partir do 4 de novembro. É unha campaña de recuperación e personificación de bicicletas infantís, pensada de cara ao Nadal, e que se realizará nas antigas instalacións da Escola obradoiro de Monte Porreiro.

A Concellaría de Benestar participa na campaña dado que un experto (Eusebio Ribero) impartirá un obradoiro de recuperación, mantemento e personificación de bicicletas aos membros da asociación Adipo integrada por usuarios de Servizos Sociais. Serán estes os encargados de recibir as bicicletas, reparalas e tunealas.

Poden participar na campaña toda a cidadanía, pero en distintas modalidades. Haberá persoas que soliciten que se lle personifique a bicicleta (cuns motivos determinados previamente) por un módico prezo; tamén persoas que soliciten unha bicicleta das recuperadas; tamén poden participar persoas que desexen entregar bicicletas pero non recibilas; e tamén terán acceso usuarios de Servizos Sociais aos que se lles entregarán bicicletas recuperadas gratuitamente.

Os cartos que se poidan recadar serán repartidos entre as persoas que participen no obradoiro.

O concelleiro Miguel Filgueira explicou que este obradoiro é unha idea que segue a liña de promoción da mobilidade peonil e ciclista na cidade, especialmente dirixido para aquelas persoas que poidan ter problemas para acceder a unha bicicleta. Adiantou que a Concellaría está a traballar xunto coas asociacións e empresas do sector para conseguir un local no que se poidan reunir os colectivos e organizar as súas propias actividades (charlas, obradoiros…).

Un dos obxectivos principais da actividade é fomentar a cultura da reciclaxe e prolongar a vida útil, neste caso, das bicicletas.

Todas as persoas interesadas en participar poderán dirixirse a Escola Obradoiro de Monte Porreiro coas súas bicicletas ou ben no negocio Biclicetas Farto que participa na campaña.