Case 500 rapaces dos colexios de Pontevedra aprenden a coidar a saúde facendo deporte e comendo ben

61

Adestrar aos escolares pontevedreses en conceptos como os efectos saudables dunha boa alimentación e da actividade física é o obxectivo dunha colaboración entre a Concellería de Educación e deportistas locais. A presenza do director técnico da Sociedade Ximnástica, Pablo Díaz, e dos xogadores de balonmán da Sociedade Deportiva Teucro, David Pichel e Marcos Dorado, foi o principal aliciente desta xornada, ao paso do programa polo colexio de Barcelos.
O concelleiro de Educación, Agustín Fernández, visitou hoxe o colexio para comprobar o funcionamento deste ciclo “Saúde, alimentación e actividade física”, que está a pasar polos centros públicos do municipio e rematará o próximo mes de novembro. En total, 462 rapaces de Terceiro e Cuarto de Primaria terán participado nun programa co que se intenta concienciar contra a vida sedentaria e a alimentación inadecuada, baseada na comida rápida e a pastelería industrial.
Fernández subliña que involucrar aos deportistas locais coa promoción do deporte e a saúde nos centros educativos é unha estratexia idónea. Os rapaces poden proxectar nun referente concreto o que, doutro xeito, sería unha simple cuestión teórica sobre a importancia da saúde e a actividade física.
Cada un dos obradoiros  está formado por grupos de 25  alumnos e consiste nunha charla moi amena, duns 50 minutos, reforzada por figuras de referencia no deporte local. A cada neno entrégaselle un lote de merenda saudable composto por un bocadillo, unha froita, iogur e auga. O profesorado recibe tamén material didáctico para seguir a traballar na  aula.
A iniciativa da Concellería de Educación xa ten pasado ou vai pasar, ata o mes de novembro, polos colexios de Xeve, Campañó, Barcelos, Lérez, San Martiño, Álvarez Limeses, Vilaverde, Ponte Sampaio, Froébel, Cabanas e A Carballeira.