Máis de 1.300 deportistas participan esta fin de semana no XVI Open Internacional de Taekwondo Cidade de Pontevedra

47

Pontevedra acolle esta fin de semana a XVI edición do Open Internacional de Taekwondo Cidade de Pontevedra, unha das principais citas do calendario deportivo anual.
O evento chega este ano coa estela do recente subcampionato de Europa acadado polo deportista do Mace Sport, Xián Silva, que vén de converterse en subcampión de Europa junior na categoría de 73 Kg. Xián, que estivo presente no acto será recibido formalmente no Concello nos próximos días.
O acto de presentación celebrouse hoxe no Concello en presenza do concelleiro de Deportes, Agustín Fernández; a presidenta da Federación Galega, Mercedes Barrientos e o presidente do club Mace Sport, Miguel Cortegoso.
Agustín Fernández destacou que cando hai dous anos asumiu a responsabilidade da Concellería de Deportes tivo moi claro que o taekwondo tiña que ocupar un lugar preferente na programación estratéxica do Concello, tanto polos éxitos acadados polos clubs da cidade, como pola cantidade de público que arrastra, sen esquecer tamén os valores que achega na formación dos rapaces.
Un total de 62 clubs participarán no Open, que chega este ano a un novo récord con máis de 1.300 participantes, procedentes de Madrid, Castela-León, País Vasco, Andalucía, Braga e Porto. O evento constará de catro categorías diferentes (junior, cadete, infantil e adulto) en cada unha das modalidades: Exhibición; Combate (que contará con 438 participantes), Técnica e “Free-style”. A novidade do “Free-Style” esténdese, por primeira vez, aos infantís, algo que a Federación Galega xa anunciou que emulará. Diante deste importante volume de participación, o Pavillón Municipal dos Deportes acollerá, por primeira vez, nove pistas.
A proba contará con 60 árbitros, necesarios para o perfecto desenvolvemento do evento. O sistema “Vídeo replay” estará dispoñible na modalidade de Exhibición e Combate. Haberá dúas cámaras en cada tapiz, esperando deste xeito que se reduza drasticamente a problemática que existe cunha soa cámara. Os medios técnicos cos que conta este evento deportivo permitirán ademais a proxección das evolucións en directo dos participantes na pantallas que se instalarán no Pavillón dos Deportes.
O Open celebrarase durante as xornadas de sábado e domingo. O primeiro día, en horario de 09.00 a 14.00 levará a cabo o Combate nas categorías infantil e adulto. Pola tarde, en horario de 16.00 a 20.00 horas será a quenda para o combate en cadetes e juniors. O domingo, entre as 10.00 e as 12.00, será o momento para os “pumses” individuais e de equipos: De 12.00 a 14.00 horas, a sesión “Free-style”. Pola tarde, de 14.00 a 18.00 horas ofreceranse as exhibicións de infantís, cadetes e adultos.