O congreso “Ponte a punto” traerá a algúns dos mellores expertos nacionais en motivación e crecemento persoal

34

A segunda edición do Congreso Acelerador do Desenvolvemento Persoal “Ponte a punto” chegará a Pontevedra nas xornadas dos próximos venres, 8, e sábado, 9 de novembro. O Pazo da Cultura acollerá a expertos en motivación, que falarán polo miúdo da necesidade dun cambio de mentalidade na busca do trunfo persoal e profesional. Un reto especialmente interesante en tempos de crise.
O congreso foi presentado hoxe pola concelleira de Promoción Económica, Carlota Román, e o director xerente da empresa organizadora, Docensa, José Luis Bouzas. Román subliñou que trátase dunha actividade máis, impulsada dende a Oficina de Congresos, para seguir posicionando a Pontevedra neste sector. A concelleira agradeceu o esforzo por manter o evento no calendario, cando o contexto económico está a provocar a desaparición de moitos eventos feirais e congresuais.
José Luis Bouzas admitiu o impacto da crise, que se está a notar no volume de inscricións. Lembrou que o ano pasado houbo cheo nas dúas xornadas e que asistiron persoas de Madrid, Palma de Mallorca, Cadiz, Asturias e Portugal e os asistentes amosaron un gran nivel de satisfacción co contido das sesións.
Bouzas define “Ponte a punto”, que utiliza unha imaxe da Fórmula 1 no seu cartel promocional, como unha parada en boxes para encher o tanque de combustible, facer axustes e realizar os cambios necesarios para volver á competición da vida.
O congreso está dirixido a todo tipo de público. Está baseado no concepto do “coaching” e na asignación dun papel interactivo ao público, mesturando entretemento e motivación. Polo tanto, non só se dirixe só a directivos, senón tamén, e moi especialmente, a estudantes e mesmo persoas desempregadas.
O programa inclúe a participación de sete persoas relevantes, que cobren todos os aspectos da motivación persoal. O cadro tivo que ser modificado a última hora pola tráxica morte de María de Villota, que tiña confirmada a súa presencia nesta segunda edición de “Ponte a punto”.
O primeiro ponente será Eduardo Sánchez Ferris, licenciado en Administrador de Empresas. Formador oficial para España do equipo do best-seller “El Secreto”. Experto formador en programación neurolingüística e “coach” con certificación internacional. Consultor de dirección e organización de empresas.
Wally T. Vega, ex-vicepresidente internacional de Dale Carnegie&Associates durante 22 anos en Estados Unidos. Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais. Psicólogo industrial.Director de Strauss Miligan&Co en España. Autor deducias deartigos e publicacións especializadas.
Javier Iriondo, experto en Márketing, Comercialización e Desenvolvemento Persoal. Ten dado conferencias por todo o mundo. Consultor especializado e experto na técnica das Necesidades Psicolóxicas Humanas (HNP polas súas siglas en inglés). Autor do best-seller “Donde tus sueños viven”.
Fernando Sánchez Salinero, licenciado en Dereito e foi executivo de varias empresas. Formador e director de numerosos equipos comerciais centrouse nos últimos anos na formación e adestramento de directivos, empresarios e equipos de vendas. Socio fundador da consultora Utopía Leonardo, da Escuela Profesional de la Venta e do Instituto de Desarrollo Pyme. É autor dos libros “La Casa al revés”, “¿Por qué fracasan las empresas?”.
Edite Amorim, psicóloga portuguesa que traballa na área da Psicoloxía Positiva. Creadora do Thinking-Big, plataforma dende a que se dedica a formar en temas relacionados coa creatividade, expresión e psicoloxía aplicada.
Mar Ayude, psicóloga e socia fundadora da Asociación Avanza de axuda a mulleres separadas. Relatora habitual en conferencias sobre superación persoal. Imparte habitualmente obradoiros sobre intelixencia emocional, motivación e autoestima.
Finalmente, José Luis Abadín, licenciado en Dirección e Administración de Empresas. Fixo carreira como piloto, polo que acadou os títulos de campión galego de kart durante tres anos, campión de España de Fórmula 3 e subcampión da European F3 Cup, así como piloto FIA na Fórmula 2 Championship. Non obstante é tamén “coach” (está en proceso de acreditación internacional) e ponente de TEDxGalicia.
A inscrición no Congreso ten un prezo medio de 75 euros e pode facerse a través do sitio www.ponteapunto.es ou na web de Docensa. Ofrécense descontos para estudantes, parados e grupos.