Escola de coñecemento

121

O programa Ruralactivo, promovido polo concello de Pontevedra para o fomento do autoemprego nas parroquias de Santa María de Xeve, Santo André de Xeve e Verducido, comezará no mes de novembro cunha programación formativa orientada ao autoemprego que durará até o mes de abril de 2014 e terá lugar na Casa da Cultura de Santa María de Xeve. A inscrición é aberta e gratuíta para todas aquelas persoas interesadas sexan ou non destas parroquias.
Unha parte importante deste programa formativo intégrana os cursos. O primeiro deles terá lugar o 19 e 26 de novembro e versará sobre Organización empresarial e financiamento alternativo. No mes de decembro, os días 10 e 17, terá lugar o curso sobre Turismo e patrimonio. O 14, 21 e 28 de xaneiro celebraranse as sesións sobre Agroecoloxía e diversificación de montes e en febreiro, os días 11 e 18, sobre Atención e coidados á infancia e á terceira idade. Todos estas sesións formativas terán lugar na Casa da Cultura de Santa María de Xeve entre as 19 e as 21 horas.
Nos meses de marzo e abril organizaranse unha serie de visitas a empresas de algúns dos sectores antes citados coa intención de coñecer en persoa como traballan e atopar referentes ou inspiración para a concreción doutros posibles proxectos de autoemprego.
Como complemento a esta formación, tentaranse pór en marcha unha serie de xornadas de transmisión de sabedoría, nas que a veciñanza intercambiará coñecementos de xeito horizontal, sen mestras nin alumnos.
Escola de Coñecementos: cursos á medida O deseño desta ‘escola formativa’ realizouse a partir das conclusións extraídas na primeira fase do Ruralactivo: os faladoiros, onde a xente analizou as parroquias, as súas potencialidades (como o patrimonio material, inmaterial e ambiental) e onde comezou a dar forma a posíbeis iniciativas de autoemprego.
A formación como peza chave para o autoemprego
Os cursos ofrecidos na Escola de Coñecementos queren dar resposta ás necesidades e intereses formativos das persoas das parroquias ademais de axudar a levar adiante iniciativas de autoemprego. A asistencia aos cursos, saídas e xornadas de transmisión de sabedoría será de balde.
Rei Zentolo e outros contan a súa experiencia emprendedora
O día 9 de novembro, de 10:30 a 13:30, na Casa da Cultura de Santa María de Xeve, terá a lugar a xornada #porunRuralActivo, na que iniciativas galegas de autoemprego rural e do patrimonio contarán a súa experiencia emprendedora. Contarase coa presenza do Rei Zentolo, o Festival de Cans, Monte Cabalar, Hortasán e haberá unha pequena presentación da iniciativa Estruming Days.
Programa:
• 10.30 Presentación
• 10.40 O Rei Zentolo; unha experiencia de éxito
• 11.30 Monte Cabalar, Festival de Cans e Hortasán; mesa de experiencias sobre agro, monte, patrimonio e cultura
• 13.00 Estruming Days; emprendemento e rural13.10 Presentación da Escola de Coñecementos
Esta xornada é gratuíta e contará co servizo de gardería baixo demanda, solicitándoo a través do número de teléfono 620137121 ou do correo electrónico info@rurala ctivo.com .

Ver documento PDF