O Eixo Atlántico reclamará máis fondos para a promoción do Camiño Portugués a Santiago

38

A Comisión Delegada de Turismo do Eixo Atlántico xuntouse hoxe en Pontevedra para estudar unha orde do día na que a promoción do Camiño de Santiago converteuse en peza central. A reunión, á que asistiron representantes da práctica totalidade das 40 cidades integradas no órgano de cooperación transfronteriza galaico-portuguesa, celebrouse na Casa das Campás baixo a presidencia da concelleira de Turismo de Pontevedra, Carlota Román.
No seu discurso de benvida, Román aludiu á importancia do Camiño de Santiago como produto turístico e enxalzou o activo papel que teñen xogado as asociacións cidadás (como no caso de San Pedro de Rates, en Portugal, e Pontevedra, en Galicia), que contrasta con certo abandono institucional. Se ben é certo que hai unha boa rede de albergues públicos, falta moito investimento na sinaléctica e na mellora e conservación da propia traza do Camiño, recalcou.
O secretario xeral do Eixo, Xoán Vázquez Mao, anunciou varias xuntanzas, entre elas unha co presidente da Xunta, para falar da promoción do Camiño Portugués, co obxectivo de poñelo “dunha vez por todas” ao mesmo nivel que o Camiño Francés. Destacou que é preciso chegar ás máximas instancias políticas para acadar compromisos firmes.
Na xuntanza anunciouse tamén unha campaña conxunta de difusión das posibilidades turísticas das cidades do Eixo nas televisións locais. O ente editará, ademais, unha guía turística cos eventos máis relevantes de cada cidade co obxectivo de ir apostando por unha política turística común cada vez máis activa.
No que atinxe á celebración da feira turística Expocidades acordouse abrir un prazo para pechar detalles loxísticos e organizativos e xa, na próxima xuntanza da Comisión Delegada de Turismo, abrir a presentación das candidaturas por parte das cidades interesadas en acoller a mostra durante o próximo ano. Será entón, anunciou Carlota Román, cando Pontevedra formalizará a súa proposta.
Expocidades naceu como unha microfeira de turismo no seo da I Capital Cultural do Eixo Atlántico na cidade portuguesa de Vila Nova de Gaia. A última edición celebrouse en Lugo, coincidindo coas festas de San Froilán.
O Eixo Atlántico é unha asociación de municipios, creada en 1992, que agrupa a municipios galegos e portugueses decididos a desenvolver o seu traballo no ámbito da cooperación transfronteriza.