As parroquias acollerán a exposición dos Plans de parroquias

52

O Concello de Pontevedra comezará a expoñer este mes o Plan de cada unha das parroquias do rural unha vez recollidas as prioridades e necesidades de cada unha delas. Con esta exposición e recollendo a suxestións dos veciños, comezará a redacción do Plan director de cada unha das parroquias.

Até o de agora realizáronse traballos xerais como a definición dos núcleos de centralidade parroquial, así como a recollida de recursos ambientais, patrimoniais, equipamentos co obxectivo de coñecer onde estaban todos estes recursos.

A segunda fase foi a identificación de problemas e a realización dunha diagnose como a definición dos núcleos de centralidade parroquial, de calmado do tráfico, o viario peonil (permeabilizar os lugares con camiños de pé aos que se lles podería facer un tratamento brando); plan de conservación do patrimonio; dotación de áreas recreativas e áreas infantís; crear rutas de sendeirismo, especialmente un roteiro interparroquial; arranxo de pistas…

Trátase de elaborar un Plan director de cada parroquia que tería unha proxección duns 15 anos mantendo o nivel de investimento do ano actual, arredor de 5 millóns de euros.