Empezan as obras do estacionamento disuasorio do barrio do Burgo

61

O Concello de Pontevedra inicou hoxe os traballos de acondicionamento do novo estacionamento disuasorio no barrio do Burgo, na parcela anexa a Pasarón.
As obras empezaron pola avenida da Coruña, para acondicionar a beirarrúa para o acceso de entrada á parcela. Farase unha rampa de formigón para acceder, e sairase pola rúa Luís Otero. Dentro da parcela farase un tratamento dos noiros que dan á avenida da Coruña para evitar posibles accidentes e bolardos para garantir a saída de emerxencia do campo de fútbol.
Tamén está previsto reforzar a iluminación pública e acometer a mellora do paso pola traseira da grada sur, que comunica a avenida da Coruña coa igrexa de Santiaguiño.
As obras comezarán esta mañá pero o obxectivo da Concellaría que xestiona Luís Bará é que estea operativo a primeiros de decembro, para a campaña de Nadal.