Importantes melloras no desdobramento da avenida de Vigo

63

O Concello de Pontevedra está a rematar nestes días o proxecto do desdobramento da avenida de Vigo para poder sacalo a licitación a finais de mes. Este proxecto non inclúe a ponte de conexión do desdobramento coa estación de autobuses, tal e como suxerira no seu día a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas dado que non se posicionou ao respecto de si quería que o Concello metera esta obra nas melloras do proxecto do desdobramento. Cabe lembrar que é a Xunta a responsábel de facer esta ponte, se a considera necesaria. O Concello ofrecéralle construíla incluíndoa dentro das melloras do desdobramento, pero até hoxe non recibiu novas ao respecto.

O Concello, para evitar perder 2 millóns de euros procedentes do Estado, sacará a licitación esta obra por 4,2 millóns de euros (2,7 millóns son para expropiacións) nas anualidades 2014 e 2015.

As melloras incluídas no proxecto son as seguintes:

  • Pavimentación do camiño que une a avenida de Vigo coa avenida da Estación moi empregada polos veciños e estudantes do Torrente Ballester.
  • Instalar unha ponte de madeira baixo a ponte da avenida da Estación, para darlle continuidad ao paso urbano do Gafos co segundo tramo que se fará a conta da obra do desdobramento, cara ao nó do Pino.
  • Reordenación e mellora da avenida da Estación até o entronque con Fernández Ladreda, especialmente a rotonda de Fernández Ladreda.
  • Reordenación da avenida de Vigo, seguindo os estándarase do primeiro treito, aínda que non chegue para a súa totalidade.

César Mosquera, concelleiro de Infraestruturas, explicou que as obras poderían estar adxudicadas e iniciadas as obras no mes de marzo, logo do retraso de dous ou tres meses de espera pola contestación da Xunta.