Seguindo o curso da auga en Lérez, no último roteiro polo patrimoino rural

78

A Concellaría de Patrimonio Histórico e Cultural remata hoxe o programa de Roteiros temáticos polo patrimonio rural coa saída á parroquia de Lérez. Baixo o título “Lérez: o roteiro da auga”. Percorrerá uns 6 quilómetros e partirá do Mosteiro de Lérez a partir das 10.00 horas.
O percorrido xira arredor da auga e discorre na súa meirande parte por unha parroquia que ten o nome dun río, Lérez. Ten por obxectivo coñecer os equipamentos e infraestruturas hidráulicas que se foron construíndo ao longo da historia para diversos aproveitamentos: captación, abastecemento e tratamento da auga; pozos e canles dos sistemas tradicionais de regadío; lavadoiros tradicionais; muíños de río; balneario de augas termais… Obras de enxeñaría e arquitectura popular unhas, ideadas por arquitectos e enxeñeiros titulados outras, que ilustran o esforzo humano por aproveitar a auga para todos os usos posíbeis.
O percorrido sae do mosteiro, discorre por diversos lugares da parroquia de Lérez para coñecer o sistema centenario de abastecemento de auga ao mosteiro de Lérez coñecido como O Cano do Cura, o depósito municipal do Cimbelo (1928) ou o Estación Depuradora de Couso (1989); pasa polos muíños de Couso; cruza o río até Monte Porreiro para visitar a Estación de Bombeo (1981) e a antiga casa de baños (comezos do século XX); e volta ao punto de partida.
Puntos de interese
O Cimbelo. Visita ao depósito municipal, construído en 1928, que forma arte da rede municipal de depósitos de almacenamento e distribución de auga. No edificio hai unha exposición permanente sobre a historia do servizo municipal de abastecemento de auga. Antigamente abastecíase desde os pozos de captación de auga do Acival.
Casal Novo de Abaixo. O Cano do Cura. Antiga infraestrutura en pedra para o transporte da auga ao mosteiro de Lérez.
A Regueira. Arqueta de captación do Cano do cura. É o inicio do cano e está moi ben feita, toda en pedra.
O Remiseiro. Lavadoiro (Porto do Río). Zona divisoria de augas.
Os Cabaleiros. Pozos de regadío (tamén traídas de augas de Couso e Gatomorto).
Couso. Depuradora de augas do servizo municipal de abastecemento (construída en 1989). A auga chega a este punto desde a estación de bombeo de Monte Porreiro; almácenase para a súa distribución no depósito da propia depuradora, no depósito do Cimbelo, e no de San Amaro.
Couso. Muíños de río. Costumes, coplas (retesías cos de Mourente), foros dos muíños…
Monte Porreiro. Estación de bombeo construída en 1981 (tamén restos central hidroeléctrica).
Monte Porreiro. Vestixios do peirao e da antiga casa de augas.
O regreso terá tres opcións en función do tempo
• Cruzar a ponte do balneario, subir ó cemiterio e continuar polo camiño do Outeiro ata O Arco e mosteiro. Ou, despois de chegar ó cemiterio, tamén se pode saír á Piolla e continuar polo Arco ata o mosteiro.
• Cruzar a ponte do balneario, continuar pola senda da beira da dereita do río ata a Fontaíña, subir ata as proximidades da Ponte da Palabra (marxe dereita) e acceder ó mosteiro pola estrada nova.
• Non cruzar a ponte do balneario, continuar pola senda esquerda do río ata a ponte da Palabra e, desde aquí, ata o mosteiro.

A asistencia é libre e gratuíta, non é necesaria a inscrición previa. Deberá levarse roupa e calzado axeitado para andar por pistas, camiños rurais e monte. 

 

Ver documento PDF