Unha feira e un congreso de Perruquería e Estética presentarán en Pontevedra as últimas novidades

73

Baixo a denominación “Expo Beauty” e “Galicia Look&Fashion” nace en Pontevedra o que pretende ser a gran cita do sector do Peiteado e a Estética. Coa fórmula dunha feira expositiva e un congreso de formación, preténdese cubrir un baleiro e satisfacer unha histórica demanda do sector na provincia de Pontevedra.
O evento, que se celebrará entre o sábado, 16 e o luns, 18 deste mes de novembro, foi presentado hoxe pola concelleira de Promoción Económica, Carlota Román, acompañada do xerente da empresa organizadora, Docensa, José Luis Bouzas; da presidenta da Asociación Provincial de Salas de Peiteado, Ana Barros; e da directiva da Asociación Galega de Esteticistas, Margarita Gómez.
Carlota Román subliñou que trátase dunha peza máis do calendario feiral que está a desenvolver Pontevedra dende este ano. Un calendario que ten medrado substancialmente, a pesar da crise que está a afectar seriamente á programación de feiras e congresos de toda Galicia.
José Luis Bouzas explicou que a organización dunha feira e un congreso simultáneos permitirá abrir a oferta ao público en xeral e diferenciar tamén a parte reservada aos profesionais. A feira, que terá un carácter moi demostrativo, ten un enfoque máis popular, mentres que no congreso, os profesionais terán a oportunidade de asistir ás charlas que ofrecerán expertos chegados dende distintos puntos de España.
A entrada á feira é gratuíta para as persoas que se inscriban online no sitio www.galicialook.com ou dispoñan dunha invitación distribuída a través das asociacións participantes. O resto pagarán unha entrada de prezo reducido. A asistencia ao congreso, reservada a profesionais, será de pago e tamén será preciso inscribirse na Internet.
Ana Barros cualificou a idea de promover un salón da Perruquería e a Estética en Pontevedra como magnífica e revelou que levaban anos loitando por sacala adiante. Na súa opinión, a crise está a ter un impacto moi grande no sector, pero aínda así estase a manter o emprego. Pola súa banda, Margarita Gómez indicou que este evento vai contribuír a subir o nivel da Estética a través do intercambio de ideas e tendencias entre os profesionais.
“Expo Beauty” e “Galicia Look&Fashion” nacen de escoitar as demandas do sector. Froito disto optouse por unha feira na que os expositores non se limitará a expor a súa mercancía, senón que estarán desenvolvendo actividades de continuo. Haberá demostracións das que se poderá beneficiar o público, como arranxos de unllas ou tratamentos. No que atinxe ao congreso configurouse un programa realmente atractivo, que inclúe entre os conferenciantes ao mellor perruqueiro de España de 2012 ou ao perruqueiro da selección española de fútbol.
O cadro docente comeza con Fernando Lareu (“coach” de vendas e director comercial de Matís París) e inclúe tamén a Luis Romero (perruqueiro e empresario, formador de profesionais coa compañía Pivot Point), Ramiro Fernández (mestre da Perruquería Psicoestética, autor de varios libros e perruqueiro da Selección Española), Xavi García (galardonado en 2012 co premio Club Fígaro ao mellor perruqueiro de España e director creativo de varios salóns), Marta Saiz (técnica en asesoría de Imaxe Persoal, máster en Estilismo e asesora de imaxe na CRTVG), Consuelo Silveira (directora de Escolas de Estética Avanzada e creadora da técnica da masaxe mioactiva) e, finalmente, Pilar Touriño (doutora especializada en medicina estética).