Xornada formativa “A memoria das mulleres”, o xoves, na Casa das Campás

32

A Concellaría de Patrimonio Histórico e Cultural, que xestiona Luís Bará organiza este xoves, 7 de novembro, na Casa das Campás a xornada formativa “A memoria das mulleres” dirixida a centros educativos, asociacións e profesionais interesadas no programa de investigación e documentación sobre a memoria das mulleres en Pontevedra.  
Nesta xornada formativa presentaranse proxectos de recollida e documentación da memoria histórica local, con especial atención á memoria das mulleres.   
O encontro desenvolverase de 17.30 a 20.30 horas e a previsión de intervencións é a seguinte:     
• 17.30 h: apertura da xornada: presentación do programa A memoria das mulleres en Pontevedra    
• 17.45 h: Carmen Suárez: presentación dos proxectos “Fálame de San Sadurniño” e “Memoria de muller” (Coloquio)    
• 19.00 h: Antón Caeiro: presentación do proxecto “O faiado da memoria” (Vilagarcía) (Coloquio)    
• 19.45 h: Patricia Arias: presentación do proxecto “Mecas A memoria das mulleres” (IES As Bizocas, Ogrobe) (Coloquio)

As persoas interesadas en participar deben enviar un correo electrónico a mulleresememoria@gmail.com indicando os seguintes datos:      Nome e apelidos, Enderezo, Teléfono, Centro educativo, Asociación, Titulación ou actividade profesional.

Carme Suárez Nieto
Asturiana de nacemento, mais galega de adopción, Carme Suárez Nieto titulouse en  Psicoloxía en Oviedo, onde se formou e traballou en diferentes áreas relacionadas coa  selección de persoal, orientación laboral, igualdade de xénero e inclusión social, sendo  unha das primeiras dinamizadoras na Rede de Telecentros de Asturias (2001-2005); o  seu proxecto “Memoria de mujer” obtivo o premio á mellor iniciativa da rede de  telecentros de Asturias (2005). 
En Galicia foi responsable do deseño, posta en marcha e coordinación da Rede de  Dinamización da Sociedade da Información da Consellaría de Industria (2007-2010), onde se realizaron proxectos innovadores como “Memoria de Muller”, “Memoria dos  oficios”, “E-signovisual” ou “Maiores con iniciativa” entre outros. Actualmente  traballa como axente da Rede CEMIT no concello de San Sadurniño, onde desenvolve o proxecto “fálame de San Sadurniño” 

Fálame de San Sadurniño 
O proxecto baséase en obradoiros colaborativos nas sete parroquias de San Sadurniño,  no que @s participantes aprenden a dixitalizar e xeolocalizar fotografías;  posteriormente gravan un audio explicativo de cada imaxe, para subir logo o resultado  final á web www.falamedesansadurnino.org: un espazo na rede, no que se mestura o  pasado e o presente, en diferentes tipoloxías e soportes de información para  convertérense nun espazo vivo e integral da memoria que sostén o devalar cotián das  xentes e terras de San Sadurniño. En definitiva, trátase de crear unha comunidade na  que simples fotos faladas carguen de sentido colectivo a pequenas vivencias individuais  que, so en aparencia, semellan desconectadas. Máis información www.falamedesansadurnino.org 

Antón Caeiro Rodríguez
Nacido en Gondomar (Pontevedra) en 1960. Traballador da imaxe. Autodidacta. Comenza  facendo películas e vídeos de ficción e experimentais. A partires de 1986 realiza documentais de Memoria oral como Aillados, A memoria nos tempos do volfram, El ruido y el silencio, Esta  noite, velada ou Desde dentro do corazón. Desde 2008 participa, xunto a Margarita Teijeiro, no  proxecto O Faiado da Memoria. Información sobre O faiado da memoria: www.blogoteca.com/ofaiadodamemoria  

Patricia Arias Cachero
Fixo estudos de Filoloxía galego-portuguesa. Foi bolseira na Fundación Otero Pedrayo. Na actualidade é profesora de Lingua galega e literatura no IES Fermín Bouza Brey de Vilagarcía de Arousa. Desde hai dez anos é membro do consello de redacción da revista de pensamento feminista Andaina, en cuxas páxinas colabora con asiduidade. Foi a coordinadora dos libros Mecas.  A memoria das mulleres (IES As Bizocas, 2009),Mecos. A memoria dos homes (IES As Bizocas, 2010),  Dicionario dos alcumes do Grove (IES As Bizocas, 2011) e Talasonimia do Grove (IES As Bizocas, 2012).