A esgrima pecha o calendario de competicións de rango nacional celebradas este ano en Pontevedra

36

O deporte da esgrima será protagonista esta fin de semana. O Pavillón dos Deportes acolle a segunda edición do Trofeo Rías Baixas. Unha competición que alberga o Torneo Nacional de Ranking Sabre individual e por equipos para tiradores de ata 20 anos.
O Club Escola Hungaresa de Esgrima, en colaboración coa Concellería de Deportes, organiza o evento, que se celebrará no Pavillón Municipal de Deportes este sábado, día 9, e onde se agarda unha participación de máis de 100 tiradores e 20 equipos, por ser unha proba clasificatoria para o Campionato de España.
O concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, presentou hoxe este campionato acompañado do responsable da Escola Hungaresa, Adrián Cubela. O edil destacou que trátase da última competición de rango nacional que a cidade de Pontevedra acollerá neste prolífico ano. Ao tempo, agradeceu o papel que o club está a xogar para a promoción deste deporte e a organización de eventos do máximo nivel.
O torneo dará comezo ás 9 horas co sabre masculino e ás 10 horas co sabre feminino. As finais individuais están previstas en torno ás 13 horas.
A continuación terá lugar a Liga Nacional de Clubes, proba por equipos que dá o acceso aos catro primeiros clasificados ao Campionato de España de Sabre M-20 por equipos, e que ten as finais previstas para as 18 horas.
O torneo goza da categoría de proba internacional, xa que contará coa participación do equipo nacional portugués de sabre junior.
A Escola Hungaresa de Esgrima participa con 8 tiradores e 2 equipos en sabre masculino e 5 tiradoras e 1 equipo en sabre feminino, e mantén altas as expectativas sobre os resultados de cara á clasificación para o Campionato de España.
Entre os tiradores da Escola Hungaresa que competirán atópanse Natalia Fernández, medalla de bronce a pasada fin de semana no torneo de ranking M-17 de Barcelona e Antonella Bunimov, vencedora do torneo de ranking galego de sabre en Pontevedra.