As obras da rúa de Manuel Leiras Pulpeiro permitirán aliviar a rede de pluviais que desemboca no colector do Gafos

46

A rúa de Manuel Leiras Pulpeiro estará completamente reurbanizada a finais do próximo mes de decembro. O tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, visitou hoxe as obras e comprobou o bo ritmo na súa execución.
A actuación está a ser realizada pola empresa Construcciones Crespo, cun orzamento de adxudicación de 191.177,58 euros. O proxecto inclúe, ademais do acondicionamento en superficie, a substitución de todos os servizos soterrados e da rede de iluminación pública.
As obras, nesta rúa periférica do barrio de Campolongo que une as rúas de Alcalde Hevia coa de San Pedro Alcántara, permitirán a renovación completa das beirarrúas, estreitas e bastante deterioradas, e o arranxo dun firme que presentaba algunhas deficiencias.
Antón Louro destacou que as obras inclúen novas redes de auga potable, pluviais, saneamento e iluminación. Especialmente importante é a dotación dunha rede de pluviais capaz de retirar a auga de choiva da rede de saneamento. Nestes momentos, hai serios problemas polo desbordamento dunha arqueta do colector de Alcalde Hevia na que conflúe unha ampla área do entorno da avenida de Vigo. Esta actuación contribuirá a alivialo e, por tanto, quitará tamén augas pluviais do colector xeral do río dos Gafos.
As beirarrúas terán as mesmas características que no tramo de San Pedro Alcántara e o aparcamento dos vehículos (actualmente nos dous lados) manterase nun dos lados da vía. Será, por tanto, unha prolongación funcional e estética da rúa de San Pedro de Alcántara.
Finalmente, Louro destacou que toda a iluminación da zona será resolta con bombillas led de última tecnoloxía que priman o aforro enerxético.