Noites Abertas recibe 232 propostas de actividades para a programación de 2014

59

A Concellaría de Xuventude pechou estes días o prazo para a presentación de propostas de actividades para o programa Noites Abertas 2014. Recibíronse máis propostas que nunca. Foron 232, é dicir, un 19% máis que o ano pasado cando se recibiron 190 propostas, das cales se puideron materializar 94.
Das 232 propostas, 45 foron de asociacións; 67 de empresas; 30 colectivas (de rapaces e rapazas que presentan unha proposta), e 90 individuais.
Resulta especialmente relevante que se presentan ofertas de empresas de toda Galiza, algo que non ocurriu nunca. As propostas de empresas que chegaban a Noites Abertas sempre eran de Pontevedra e a súa bisbarra.
Agora comeza o proceso de escolla das actividades que conformarán o programa de 2014, sen pausa pero sen presa dado que a Concellaría aínda descoñece a axuda que obterá do Ministerio de Sanidade, que se solicita todos os anos.