O Concello reforzará a brigada de xardineiros con seis novos traballadores ata o próximo verán

33

Os servizos municipais de mantemento dos xardíns e espazos verdes incorporarán a seis traballadores por un período de seis meses. Os operarios, encadrados dentro do Programa de Cooperación, foron recibidos hoxe pola concelleira de Promoción Económica, Carlota Román, para darllelas últimas instrucións.

Os traballadores constitúen a dotación concedida a Pontevedra pola Consellería de Traballo dentro deste programa, que conta con financiamento europeo. O Concello tiña solicitado 8 traballadores e unha subvención total, para atender os salarios, de 94.200 euros, pero só foron concedidos os seis xardineiros (un oficial e cinco peóns) cunha subvención de 54.000 euros.

Por outra banda, o Concello vén de solicitar a concesión de catro traballadoras desempregadas (mulleres vítimas) a través da liña específica dos Programas de Cooperación. O importe da subvención salarial solicitada é de 61.200 euros. A xornada sería parcial e a duración do contrato de doce meses.

Ao igual que se ten feito nos dous últimos anos, preténdese incorporar ás traballadoras a reforzar o servizo de Conserxería dos colexios de Infantil e Primaria máis grandes e con maior volume de matrícula. A Concellería de Educación seleccionou para este fin os colexios de Álvarez Limeses, Campolongo, Marcos da Portela e a Escola Infantil Fina Casalderrey.