Adxudicadas as obras de reforma integral da avenida de Lugo cun importe de 1,1 millóns de euros

64

A Xunta de Goberno Local adxudicou esta mañá as obras de reforma integral da avenida de Lugo, que, cun importe de 1.096.902,97 euros, constitúen a actuación urbana de maior orzamento de cantas ten executado o Concello durante o actual mandato.
O tenente de alcalde e concelleiro de Obras Urbanas, Antón Louro, subliñou que a empresa Eiriña Constructora comprometeuse a unha importante rebaixa no prazo de execución. Así, pasouse dunha previsión dun ano a só 5,3 meses, polo que as obras estarán concluídas antes do próximo verán.
Louro recalcou que os técnicos municipais estiman que as obras non producirán demasiadas molestias, pois o ancho da rúa, de 24 metros, posibilita traballar con comodidade e manter en todo momento o tráfico.
Nos próximos días haberá conversas cos veciños e comerciantes da avenida de Lugo para determinar se as obras comezan xa ou se agarda a despois do Nadal, para evitar prexudicar ao tecido comercial durante esta campaña.
O espírito do proxecto está no intento de embelecer unha entrada importante ao centro urbano e que agora presenta un aspecto totalmente inapropiado. Un dos principais obxectivos é incrementar a rotación dos aparcamentos, establecendo senllos cordóns de estacionamento en liña, e tamén dotar á rúa de zonas de carga e descarga das que agora carece.
O prazo de execución será dun ano, dado que se trata dunha obra de gran volume. A pesar de que o tramo a reformar (entre a rotonda da serraría e a do cruce da rúa de San Amaro) ten unha lonxitude de só 258 metros, o gran ancho da vía fai que a superficie total a traballar alcance os 8.197 metros cadrados.