Os rapaces dos colexios de Pontevedra aprenden a comer san da man da Concellería de Educación

39

“Son san” é o título dun programa educativo sobre alimentación e hábitos saudables que está a percorrer os colexios de Pontevedra. O concelleiro de Educación, Agustín Fernández, estivo hoxe no centro de Parada (Campañó) para asistir a unha das representacións teatrais coas que se trata de incidir neste ámbito.
Os protagonistas da campaña son dous monicreques, Xan e Xana, que descobren os praceres de probar os distintos tipos de froitas e verduras durante unha divertida xornada de paseo polo parque. Os monicreques, construídos con vasos e pratos de cartón, van cambiando de cor a medida que a súa dieta mellora.
“Son San” é un espectáculo para rapaces de 3 a 5 anos e está a ofrecerse nos colexios Froébel, Concepción Crespo Rivas, Vilaverde, Álvarez Limeses, Barcelos, Fina Casalderrey, Verducido, San Bieito de Lérez, Xunqueira II, Santo André de Xeve, Ponte Sampaio, Carballeira, Cabanas, Manuel Vidal Portela, San Martiño e Parada.
A valoración que está a recibir a iniciativa, coordinada pola empresa Anias, nos centros polos que xa pasou é moi positiva, pois combina á perfección a parte lúdica cos contidos educativos perseguidos.