Plan de renovación urbana para a contorna da Subdelegación do Goberno, Belas Artes e o ambulatorio

46

A Concellería de Urbanismo e Obras Urbanas vai poñer en marcha un plan de renovación urbana nas rúas de Prudencio Landín, Marescot e da Maestranza, é dicir, no entorno inmediato dos edificios da Subdelegación do Goberno, a facultade de Belas Artes e o Ambulatorio Virxe Peregrina. O investimento total nestes tres ámbitos supera os 180.000 euros.
O tenente de alcalde, Antón Louro Goyanes, explicou que o proxecto pretende dignificar un espazo moi céntrico, pero con serias deficiencias, tanto na conservación como no propio deseño urbano, que non encaixa coas sucesivas reformas e melloras realizadas tanto na praza de España como na rúa Alameda.
As obras comezarán simultaneamente nos próximos días e estarán concluídas cara finais de ano.
A construtora Oresa realizará a reforma da rúa da Maestranza, cun orzamento de 60.000 euros; Abilleira CPA mellorará a rúa de Prudencio Landín, con 60.458 euros e, finalmente, Rasalérez executará a adecuación da rúa de Marescot, con 60.450 euros.
Louro detallou que as tres actuacións teñen en común un deseño baseado nos criterios utilizados para o tratamento de superficie da praza de España e a posta en valor dos xardíns de Marescot. As tres rúas pasarán a contar con plataforma ao mesmo nivel. Os carrís de circulación terán un ancho de 3,5 metros e estarán pavimentados en formigón negro, mentres que as beirarrúas alternarán a lousa gris, agás as correspondentes aos edificios da Subdelegación e Belas Artes, nas que se restaurará o pavimento actual, de pedra de granito.
Os sentidos de circulación do tráfico manteranse nas mesmas condicións que na actualidade.
Na rúa de Prudencio Landín (traseira da Subdelegación do Goberno) a beirarrúa contraria ao edificio institucional será ampliada para homologar o seu trazado co encontro das rúas dos Ferreiros e do Xeneral Martitegui, incluíndo unha banda de lastros. A contigua ao edificio institucional será levantada lixeiramente para igualar cotas e mellorar o acceso ao garaxe.
Idéntico tratamento terá a rúa do doutor Enrique Marescot (lateral da Subdelegación), na que crecerá a beirarrúa contraria e potenciará o encontro coa rúa da Alameda.
Na rúa da Maestranza as obras nivelarán as distintas cotas de beirarrúas nun e outro lado. Este espazo é o máis complexo, porque inclúe importantes cambios de cotas tanto ao ancho como lonxitudinalmente. Respectando as beirarrúas de pedra da facultade de Belas Artes, crearase unha plataforma de formigón negro ao mesmo nivel en toda a rúa. Fronte ao Ambulatorio reorganizaranse todos os accesos peonís, tanto dende a propia rúa da Maestranza como dende a rúa da Alameda.
O aparcamento de motocicletas, actualmente no paseo transversal dos xardíns de Marescot, será trasladado á rúa de Martitegui. Este paseo pasará a ser completamente peonil, reforzando o seu encadramento nos xardíns. Estará pavimentado a un único nivel con lousa gris.
Antón Louro adiantou que, dado que a rúa da Maestranza pasará a ter un carácter eminentemente peonil e de servizos, estudará coa Universidade, o Sergas e a Policía Local as posibles necesidades de aparcamentos reservados para servizo da facultade e o ambulatorio. A intención inicial é buscar os espazos máis apropiados nas rúas de Echegaray e Martitegui.