O barrio de Fontesanta contará con novas beirarrúas a principios do mes de decembro

52

A reforma do barrio de Fontesanta, incluída dentro do Plan de Obras Urbanas da Concellería de Urbanismo, está moi avanzada. O tenente de alcalde, Antón Louro, visitou hoxe a zona e comprobou o cambio que está a experimentar a zona.
As obras, cun orzamento de 60.000 euros, están a ser executadas por Covsa. A empresa confirmou que as novas beirarrúas estarán rematadas nun prazo de dúas semanas.
Louro destacou que a mellora que está a producirse no barrio é espectacular, dado que só dispuña dalgunhas beirarrúas, que estaban moi deterioradas, e mesmo por debaixo da cota do asfalto. Os veciños queixábanse de sufrir aparcamentos indiscriminados con vehículos apegados ás fachadas, tapando portas e ventás.
Despois desta reforma, todo o barrio queda ordenado, tanto na circulación viaria como na regulación do aparcamento. As novas beirarrúas delimitan especificamente as prazas existentes por medio de “linguas” e “orellas” e reforzan o carácter urbano de Fontesanta.
O tenente de alcalde, xunto cos técnicos municipais, aproveitaron a visita para estudar unha destas “orellas”, que dá lugar a un xiro estreito. Recollendo as suxestións dos veciños, será redeseñada para facilitar o paso dos camións de reparto. Ademais, cando se realice o asfaltado do carril de circulación, toda a esquina quedará elevada e ao nivel da beirarrúa, evitando así calquera obstáculo.