Visita aos cemiterios de Mourente e Bora nas II Xornadas de Patrimonio Funerario

71

A Concellaría de Patrimonio Histórico e Cultural organiza mañá a segunda saída das II Xornadas de Patrimonio Funerario que teñen por obxectivo divulgar a riqueza dos cemiterios modernos e dos enterramentos do neolítico de Pontevedra e a súa bisbarra.
Será aos cemiterios de Mourente e Bora (o punto de encontro é ás 11.00 horas no cemiterio de Mourente), logo da existosa saída do pasado sábado polo camposanto de San Amaro.
Pertencente á igrexa, o camposanto de Santa María de Mourente atópase no contorno do templo parroquial. Pola contra, o segundo, o de Bora, está afastado do núcleo e é de titularidade municipal. Dous exemplos de camposantos rurais de finais do XIX cos que se pretenden seguir achegando o patrimonio funerario á cidadanía.
Do ano 1872 consérvase no Arquivo Municipal do Concello de Pontevedra o proxecto para a construción dun novo camposanto na parroquia de Santa María de Mourente. Asinado polo arquitecto municipal Ricardo de Aróstegui, tiña un orzamento que ascendía a 2.464,40 pesetas.  Con notables diferencias entre a portada deseñada e a actual, trátase dun cemiterio exento no contorno da igrexa parroquial. Cun alto muro de pedra, posúe a maiores dúas entradas, froito de diversas ampliacións.
Na parte máis antiga son de salientar diversas tipoloxías de enterramentos, sobresaíndo os obeliscos e os baseamentos con pilastras e remates de xarróns. Nesta zona tamén destacan un monumental cadaleito de pedra, a sepultura con cruceiro de Filgueira Valverde e o templete coroado pola fe. Pola contra, nas ampliacións predominan, por un banda, as capelas ou panteóns, moitos neogóticos; e, por outra, os nichos.
Un pouco posterior é o Cemiterio de Bora. Trátase dun recinto exento, afastado da igrexa parroquial e do núcleo da aldea, promovido por Benito Corbal. No ano 1890, o empresario pontevedrés ofrécese a construír á súa costa o camposanto. Finalizada as obras en 1896, o concello o recibe en marzo de 1898. Trátase dunha construción acorde coas normativas de finais do século XIX. Cara ao exterior posúe altos muros de pedra e unha portada destacada. No interior, un corredor principal cun cruceiro e capela ao fondo divide unha zona axardinada á que dan os diferentes panteóns que se acaroa ao muro perimetral. Xunto á portada, son de salientar os panteóns de pedra a modo de templete, así como os enterramentos de dous párrocos e a capela funeraria da familia Corbal.
En 1914 o recinto xa se quedaba pequeno, polo que comezan a xurdir diversas propostas de ampliación que levan a ter na actualidade outro recinto á beira, aínda que independente.

Estas II Xornadas de Patrimonio Funerario rematarán co percorrido polos enterramentos neolíticos do Chan de Castiñeiras, Chan da Armada e Chan de Arquiña o sábado, 23 de novembro.