A feira e o congreso da Perruquería e a Estética captaron máis de 6.000 visitantes

80

A primeira edición da Feira dos Salóns de Peiteado e Estética “Expo Beauty”, celebrada este último fin de semana xunto co Congreso “Galicia Look & Fashion”, pechou con cifras que superaron todas as previsións. A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Carlota Román, anunciou que máis de 6.000 persoas pasaron polo Recinto Feiral e o Pazo de Congresos de Pontevedra.

A organización constatou a presenza de profesionais da Perruquería e a Estética chegados non só de toda Galicia, senón tamén de Asturias e Portugal, xunto cun gran volume de público. Especialmente activa resultou a xornada do domingo, na que o Recinto Feiral estivo a tope durante case todo o horario de apertura.

A asistencia á feira era gratuíta para os profesionais, que debían reservar entrada a través das súas asociacións profesionais, e tamén para o público que tivera tramitado a súa inscrición a través do sitio web do certame.

A satisfacción entre os expositores foi moi elevada. A práctica totalidade confirmou a súa intención de repetir se o evento ten continuidade. As expectativas de crecemento de cara a anos sucesivos son elevadas.

Ademais, a feira serviu para pechar contactos profesionais. Algúns expositores, que buscaban distribuidor en Galicia para os seus produtos concertaron acordos satisfactorios.

No que atinxe ao Congreso, recibíronse felicitacións pola calidade das intervencións, ofrecidas por destacados expertos nos eidos da Perruquería e a Estética.

Carlota Román destacou que o éxito hai que atribuírllo, fundamentalmente, á empresa organizadora, “Docensa Qualitas”, e ás asociacións provincial de Perruquería e Galega de Estética, que colaboraron intensamente dende o primeiro momento.