A Concellería de Urbanismo recolle as suxestións da Universidade e o SERGAS para a rúa da Maestranza

91

A Universidade de Vigo e o Servizo Galego de Saúde (SERGAS) achegaron hoxe as súas suxestións ao proxecto de reurbanización da rúa da Maestranza e o paseo central dos xardíns do doutor Marescot. O tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, mantivo unha xuntanza cos responsables das dúas institucións na que recibiu total apoio aos plans municipais. Na xuntanza participou a vicerreitora, Antonia Blanco, mentres que polo SERGAS asistiron o director de Atención Primaria, Vicente García, e o subdirector de Recursos Económicos, Manuel Salgueiro.
Louro explicou que a reordenación da rúa da Maestranza súmase ás obras que veñen de comezar na contorna da Subdelegación do Goberno (rúas de Prudencio Landín e Marescot) e completan un espazo urbano, de forte carácter institucional e dotacional, definido a carón da Praza de España e da Alameda.
Subliñou que a rúa da Maestranza remarcará o carácter público da facultade de Belas Artes e do ambulatorio Virxe Peregrina e terá, como na actualidade, deseño peonil e auxiliar. A ambos extremos haberá bolardos abatibles que serán directamente regulados polo persoal universitario e sanitario. Deste xeito, quedará garantido o acceso permanente dos vehículos de subministros, servizos,  recollida de análises clínicas e ambulancias.
A Policía Local recomendou este tipo de regulación para acabar co parada irregular de coches particulares fronte ao ambulatorio, o que está a ocasionar situacións de perigo, dado que os condutores saen case sempre marcha atrás.
As prazas reservadas para a Universidade quedarán situadas na rúa do Xeneral Martitegui e as do ambulatorio na de Echegaray.
Finalmente, acordouse que as obras prestarán especial coidado á xeración de po e ruído, especialmente durante o horario matutino de consulta.
Os traballos, cun orzamento de 60.000 euros e a cargo da empresa Oresa, terán unha duración dun mes. O proxecto prevé a nivelación das distintas cotas de beirarrúas. Respectando as lousas de pedra na fronte de Belas Artes, crearase unha plataforma de formigón negro ao mesmo nivel en toda a rúa. Na fachada do ambulatorio reorganizaranse todos os accesos peonís, tanto dende a propia rúa da Maestranza como dende a rúa da Alameda.
O aparcamento de motocicletas, actualmente no paseo transversal dos xardíns de Marescot, será trasladado á rúa de Martitegui. Este paseo pasará a ser completamente peonil, reforzando o seu encadramento nos xardíns. Estará pavimentado a un único nivel con lousa gris.