O Obradoiro de Emprego forma a 24 novos profesionais en dinamización comercial e turística

59

Un total de 24 pontevedreses en paro reciben formación dende mediados do pasado mes de outubro no Obradoiro de Emprego que se está a desenvolver no Centro Social de Monte Porreiro. A concelleira de Promoción Económica, Carlota Román, visitou hoxe o centro e destacou o esforzo do Concello de Pontevedra a prol da formación e a integración laboral.
O Obradoiro terá unha duración de seis meses, nos que o alumnado combinará a formación teórica coas prácticas. Está integrado por un módulo de Dinamización Comercial e outro de Dinamización Turística, cada un deles con 12 participantes. O alumnado foi seleccionado polo Servizo Galego de Colocación entre persoas cun nivel formativo de estudos medios. O cadro docente está composto por unha directora, unha titora e dúas docentes.
Carlota Román destacou que, por primeira vez, o Obradoiro está enfocado directamente ao sector servizos, dado que non inclúe módulos relacionados coa construción, como viña sucedendo tradicionalmente nos últimos anos. Ademais, lembrou, Pontevedra recupera esta iniciativa despois de que durante os últimos tres anos as solicitudes foran desestimadas pola Consellería de Traballo.
Os 24 participantes realizan xornadas formativas de 7.30 a 15.30 horas e xa están a desenvolver proxectos relacionados coa campaña de Nadal nos ámbitos comercial e turístico. A concelleira abriu a Praza de Abastos e as oficinas turísticas municipais á realización das prácticas e intercambiou ideas e pautas sobre as distintas actividades a realizar.
Durante a visita explicou as principais liñas de actuación en materia turística e comercial, dous aspectos nos que, indicou, Pontevedra é unha cidade chea de posibilidades. Non obstante, admitiu, queda moito traballo por facer para seguir posicionando á cidade como destino turístico de referencia e para converter a Praza de Abastos nun moderno e puxante centro de actividade económica.
Carlota Román destacou o esforzo do Concello en materia de inserción laboral, pois o Obradoiro de Emprego súmase ao programa Iniciativa Local de Emprego Social (ILES) (340 alumnos en sucesivas convocatorias ao longo de tres anos), ao Plan Municipal de Emprego (becas de  tres meses para 77 parados) e, finalmente, os programas municipais de Cooperación (cinco xardineiros durante un ano) e de inserción de mulleres vítimas (aínda por confirmar).