Antón Louro pacta cos comerciantes que as obras da avenida de Lugo comezarán despois do Nadal

82

A campaña de vendas do Nadal non se verá prexudicada polas obras de urbanización integral que a Concellería de Urbanismo vai acometer na avenida de Lugo. O tenente de alcalde, Antón Louro, visitou hoxe este espazo e pactou cos comerciantes o comezo dos traballos para mediados do mes de xaneiro.
As obras, cun importe de 1.096.902,97 euros, constitúen a actuación urbana de maior orzamento do actual mandato municipal. Estarán a cargo da empresa Eiriña, que enviou aos seus representantes á xuntanza cos comerciantes.
Louro destacou que as obras non provocarán excesivas molestias, ao tratarse dunha rúa moi ancha e que permite traballar con comodidade. Ademais, destacou que o prazo de execución inicial de 12 meses foi reducido a só 5,3 meses, polo que as obras estarán concluídas a principios do próximo verán.
O espírito do proxecto está no intento de embelecer unha entrada importante ao centro urbano e que agora presenta un aspecto totalmente inapropiado. Un dos principais obxectivos é dignificar unhas beirarrúas moi deterioradas e ordenar axeitadamente o aparcamento.
As obras abranguen un tramo de preto de 300 metros de rúa, comprendido entre as rotondas da serraría e de San Mauro. Ambas rotondas serán ampliadas e completamente remodeladas, construíndo tamén novas beirarrúas para garantir a mobilidade peonil ao seu redor.
Na avenida de Lugo manteranse os dous carrís de circulación en ambos sentidos e senllos cordóns de aparcamento en batería. O lado dereito (sentido centro urbano) terá carácter de bulevard cun ancho duns 10 metros e dúas filas de árbores. O pavimento estará rematado en formigón negro. O lado esquerdo será pavimentado en lousa de cor laranxa e unha anchura de tres metros.
Os servizos e tubos soterrados serán completamente renovados para garantir unha durabilidade mínima de 25 anos e evitar así avarías na rede actual, obsoleta e deficiente.