O Congreso “Unirede” estréase explorando algúns dos modelos empresariais con máis éxito nas Redes Sociais

69

O Congreso “Unirede” comezou esta mañá coa participación dunhas 140 persoas, na súa meirande parte empresarios, interesadas en aproveitar a potencialidade das Redes Sociais para mellorar a súa imaxe e reputación online.
A concelleira de Promoción Económica, Carlota Román, foi a encargada de inaugurar un evento que chega a Pontevedra da man do Foro Galego da Web 2.0, un grupo de profesionais dedicados á potenciación da Comunicación a través da Rede no mundo empresarial.
No evento están tamén a participar os alumnos do módulo de Dinamización Comercial do Obradoiro de Emprego, que se celebra en Monte Porreiro e que, en breve, realizará as súas prácticas na Praza de Abastos de Pontevedra.
Durante o acto de inauguración, Carlota Román subliñou a aposta da Concellería de Turismo polas Redes Sociais como vehículo para difundir as sucesivas campañas e axudar a posicionar á cidade no mercado turístico. Aludiu tamén á utilización da figura do loro Ravachol, #whereisravachol, como icona turística, unha estratexia que está a reportar importantes éxitos.
“Unirede” chega a Pontevedra despois de ter celebrado as dúas primeiras edicións en Santiago de Compostela. No seu programa inclúense charlas  e demostracións sobre a importancia da web 2.0. A xornada de hoxe, venres, está dedicada especialmente aos empresarios e exporá diversos modelos de éxito. Mañá sábado, cun enfoque máis aberto, chegará o Foro Unirede para abranguer  os eidos do Márketing e a Comunicación, Turismo e Gastronomía, Tecnoloxía e, finalmente, Moda e Tendencias. Nas dúas xornadas haberá obradoiros específicos para mellorar as habilidades dos participantes nos Social Media.
Máis información:
www.forounirede.com