II Andaina no megalistimo, dentro das saídas polo Patrimonio funerario

60

Hoxe celébrase a II andaina no megalitismo, co obxecto de coñecer os enterramentos do neolítico nos montes do Morrazo, desde a Chan de Castiñeiras, no concello e Vilaboa, até a Chan da Arquiña, no concello de Moaña. Esta andaina está incluída dentro do programa de Patrimonio funerario que organiza a Concellaría de Patrimonio Histórico e Cultura que xestiona Luís Bará.
Visitaránse unhas doce mámoas, entre as que destacan a espectacular necrópole da Chan de Castiñeiras, formada por 7 mámoas, no concello de Vilaboa; as mámoas da Chan da Armada, entre Vilaboa e Marín; e a mámoa da Chan da Arquiña, en Domaio (Moaña).
O percorrido ten uns 7 km e unha duración aproximada de 3 e media/4 horas; estará guiado por Xoán Carlos Castro, arqueólogo do Concello de Pontevedra e director da intervención arqueolóxica na Mámoa do Rei no ano 2001. A saída está prevista ás 10 da mañá xunta o Lago de Castiñeiras. A asistencia é libre e gratuíta, non é necesaria a inscrición previa.
O roteiro é de dificuldade media; recoméndase levar roupa e calzado axeitado para camiñar polo monte.  Mámoa do Rei (Ficha en www.patrimoniogalego.net).

A Mamoa do Rei
 
A coñecida como Mámoa do Rei é o maior dos túmulos conservados na Chan de Castiñeiras, unha necrópole megalítica composta por, cando menos, sete mámoas. O túmulo é de dimensións considerables, uns 25 metros de diámetro por máis de 2 metros de altura. Un anel perimetral de pedra delimita o montículo, protexido por unha coiraza de pedras de mediano tamaño. No centro áchase unha anta ou dolmen de corredor, conformada por catorce ortostatos verticais que sosteñen as catro lousas do teito. A cámara mide uns tres metros de diámetro, e está cuberta por unha enorme lousa na que hai talladas, na cara superior, varias cazoletas. No interior, un dos esteos amosa unha decoración de liñas gravadas en zigue-zague, ademais dunha figura en forma de cruz ou antropomorfa. Conserva tamén restos de pintura. O corredor oriéntase ao leste, e mide uns tres metros de lonxitude. Está cuberto por tres lousas, en altura decrecente segundo se alonxan da cámara. Nas escavacións, apareceron ídolos antropomorfos xunto á entrada.  
O túmulo era coñecido dende os anos 50 tras as prospeccións realizadas no Morrazo polo arqueólogo Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza. Despois, a mámoa sufríu un lamentable abandono e deterioro, conservando só algúns dos esteos in situ. No verán do 2001, unha intervención arqueolóxica reconstruíu o monumento, reintegrando a lousa que cubre a cámara, partida en dous, ademais de recuperar diversos materiais cerámicos e líticos.    
Máis información  https://dolmensedemaisfamilia.blogspot.com.es/2012/06/necropole-do-chan-de-castineiras.html