Proxectos de mellora da avenida de Vigo

63

"Será a transformación urbana máis importante desta década". Así definiu o concelleiro Luís Bará a intervención que o Goberno local ten previsto executar no barrio sur da cidade, no entorno da avenida de Vigo, da avenida da Estación e Fernández Ladreda. O proxecto, de 7 millóns de euros, consiste na execución do desdobramento da avenida de Vigo que terá un custe de 4,2 millóns, as expropiacións foron 2 millóns de euros, e o resto empregaranse para melloras do proxecto na avenida de Vigo e na avenida de Estación, así como no Gafos.

A mellora na avenida da Estación será en pavimentación, iluminación, plantación de arborado, a creación dunha beirarrúa contínua dende a zona onde está o Budo e o retranqueo do paso de peóns para mellorar a seguranza viaria na zona. O investimento será de 152.873 euros.

Tamén está prevista a urbanización completa da rúa Luís Seoane, coa canalización de servizos (saneamento, auga, pluviais…) que resolverá os problemas de canalizacións de augas pluviais na zona. O investimento será de 66.894 euros.

Outra mellora é a continuidade da senda peonil dos Gafos facendo un paso elevado de madeira baixo a avenida da Estación. A nova ponte de madeira terá unha lonxitude de 20 metros e o proxecto ten un custe de 48.100 euros.

Está previsto a mellora do camiño peonil que une a avenida da Estación coa avenida de Vigo. Trátase dun camiño en moi mal estado e moi empregrado polos veciños. O orzamento é de 22.346 euros para unha nova pavimentación e iluminación de tal xeito que mellore a seguridade no camiño.

A última das melloras incluídas é a reforma integral da avenida de Vigo, prevista en dúas fases. A primeira até a rúa Luís Seoane que inclúe a remodelación da glorieta de Fernández Ladreda. Os técnicos plantean a execución dunha especie de bágoa para canalizar os tráficos da avenida da Estación. Ao respecto da avenida de Vigo está previsto unha intervención similar ao primeiro tramo da avenida de Vigo, deixando un só carril de circulación de saída da cidade. Aproveitarase a iluminación, que é nova. O investimento desta primeira fase é de 483.587 euros.

O segundo treito da avenida de Vigo, dende Luís Seoane até o nó do Pino terá un custe de 382.303 euros. A actuación total da avenida é de 865.890,64 euros.

O orzamento total das melloras é de 1.711.000 euros, IVE incluído.

O proxecto entrou nesta semana en contratación e a previsión e tela adxudicada antes do verán, dado que dende agora solicitaranse os informes pertinentes (contratación, intervención) e pasará pola Xunta de Goberno para ser publicado nos boletíns oficiais.