A I Feira de Doces de Convento chega a Pontevedra con vocación de reforzar a oferta do Mercado de Abastos

71

O primeiro andar do Mercado de Abastos acollerá entre o 10 e o 21 de decembro próximos a primeira edición da Feira de Doces de Convento. Durante case dúas semanas será posible atopar en Pontevedra os mellores produtos de repostería elaborados tradicionalmente por unha vintena de institucións relixiosas de toda España.
Unha oferta que chega da man da Concellería de Promoción Económica cun dobre obxectivo: por un lado seguir a completar a oferta turístico-feiral da cidade e, por outra, reforzar o tirón do Mercado durante o período de Nadal. A concelleira Carlota Román subliña que trátase dunha oferta diferenciada e atractiva e que agarda exerza como aliciente para visitar a cidade para realizar compras.
Por outra banda, encaixa no perfil de Pontevedra como epicentro gastronómico, unha estratexia na que se ven traballando este ano coa organización de “showcookings” (un deles na mesma Praza de Abastos), blogtrips e o certame PontedeTapas que, precisamente, comeza mañá venres.
A I Feira de Doces de Convento estará aberta en horario de 10.00 a 14.30 horas e de 17.00 a 20.00 horas. As ordes relixiosas participantes foron seleccionadas polo Arcebispado de Santiago e o ente “Expoconventos”, que colaboran na organización. Román agradeceu esta axuda, pois algúns dos produtos que se poderán adquirir en Pontevedra non se venden fora dos seus conventos.
En total haberá uns 70 produtos, moi diferentes entre si, tanto pola receita como pola presentación. Os prezos serán tamén, por tanto moi variables, ata chegar  aos 13 euros que custarán as caixas dos máis caros, que son as “Xemas de San Leandro” e os “Bocadiños de Améndoas e Piñóns”.


A relación de participantes está formada por:

  • Benedictinas de Trasmañó (Redondela): doces variados.
  • Benedictinas de Cuntis: galletas e amendoados.
  • Dominicas de Viveiro: “Tarta Real” (parecida á de Santiago pero cuberta de améndoa fileteada).Turróns. “Amarguillos” (parecidos ao mazapán). “Cordiales” (recheos de cabelo de anxo).
  • Benedictinas de Santiago: Amendoados que se venden nunha caixa cun botafumeiro.
  • Dominicas de Santiago: “Belvises”: posiblemente as mellores pastas de té de Galicia.
  • Clarisas de Coín (Málaga): Turróns premiados co premio de innovación do Club do Gourmet. “Hugolinas” (un brownie con noces). “Tortas de Asís” (galletas con cabelo de anxo) e “Bocadiños de Améndoas e Piñóns”.
  • Clarisas de Estepa (Sevilla): Convento coa primeira pastelaría de España, dende 1599. Mantecados coa receta orixinal. “Pasteis de gloria” (mazapán con cidra).
  • Agustinas de Sevilla: Responsables das famosas “Xemas de San Leandro”. Presentación espectacular en caixa de madeira. Cada xema require 10 minutos de elaboración. Receita de 1763.
  • Clarisas de Úbeda (Xaén): Das mellores magdalenas de repostería monacal. Elaboradas con aceite autóctono.
  • Agustinas Fregenal (Badaxoz): Antiquísimas receitas do século XVII. Destacan as “Perrunillas” (pasta dura de améndoa).
  • Clarisas Vivar del Cid (Burgos): Elaboran doces dende o século XII. “Lágrimas del Destierro” (receita da época do Cid Campeador) e Turrón de guirlache.
  • Carmelitas de Bracamonte (Salamanca): Destacan as súas Cocadas.
  • Trinitarias de Quintanar de la Orden (Toledo): Excelentes figuras de mazapán.
  • Císter de Toledo: Expertas en mazapán, ata o punto que se di que foi aquí onde naceu como “masa de pan”.
  • Clarisas de Ávila: Famosas polos seus Turróns, de impecable presentación e calidade.
  • Clarisas de Alcalá de Guadaira (Sevilla): Expertas en Xemas. Tamén en “Corazones de Obispo”, amendoados moi valorados. Venden habitualmente no club do gourmet dunha gran cadea de distribución.
  • Carmelitas de Oviedo: Tortas de noces e avelás. Único convento de Asturias que elabora doces.
  • Clarisas de Ronda (Málaga): As Barras de Mazapán teñen gran sona. O batido da masa faise polo ritual do “rezo” e non por tempo.
  • Clarisas de Astudillo (Palencia): Destacan as súas Trufas.
  • Clarisas de Valladolid: Coñecidas polos seus “Sobaos”.

Carlota Román destacou que os alumnos do módulo de Dinamización Comercial no Obradoiro de Emprego de Pontevedra colaborarán durante a Feira de Doces. Ademais, porán en marcha unha campaña de Nadal na Praza de Abastos con actuacións específicas.