Bo funcionamento do operativo de tráfico polas obras de Acuaes

63

A concelleira de Protección Cidadá, Carme da Silva fixo hoxe balance do funcionamento do operativo de tráfico realizado na zona noroeste da cidade a consecuencia das obras do abastecemento de auga potábel de Pontevedra e a súa ría. Carme da Silva lembrou que este operativo deseñouse coa intención de minorar os efectos que puidiera ter no tránsito a saída pola Ponte da Barca, nas rúas Echegaray, Alfonso XIII, Raíña Vitoria e até a praza de Galicia.

A Policía Local conclúe que o operativo funciona correctamente, polo que a concelleira quixo felicitar expresamente á Policía polos resultados, porque independementemente da experiencia de Pontevedra en realizar grandes dispositivos de tráfico por distintos tipos de eventos, este tivo que facerse con moita rapidez, en tan só catro días.

Do informe policial tamén se conclúe que o operativo non provocou cambios de hábitos nos condutores. Constátase que a rúa Echegaray perde 6.000 coches diarios, e desaparecen os problemas que ocasionan as dobres filas da rúa (aínda que estas non desapareceron). Consecuencia desta situación, incrementou o tráfico no sentido da avenida do Uruguay, na mesma proporción.

Tamén incremento o tráfico na rúa da Barca, que se duplica a súa carga diaria, e dase un lixeiro descenso do tráfico en Domingo Fontán, entre as rotondas do Burgo e a de Bombeiros.

Tamén foi preciso regular con axentes a saída da ponte das Correntes, cara a rotonda de Domingo Fontán para evitar retencións nesta última rúa.

Carme da Silva explicou que os operativos polas obras de abastecemento de auga continuarán "porque a obra continuará, polo que haberá outros dispositivos que afecten a ese e a outras zonas da cidade".

Ao mesmo tempo, a concelleira adiantou que as zonas de servizos que se puxeron en marcha co inicio do curso escolar reaxustaranse nalgunhas zonas porque "os horarios poden ser un tanto excesivos", e tamén se ampliarán a outras zonas da cidade como á Parda, xa que quedou excluída a Escola infantil da Parda, que agora se incluirá neste plan.

A Concellaría tamén está a avaliar outras zonas da cidade nas que se poderán pór servizos, debido á demanda e o tipo de rúa.