As obras na rúa da Maestranza avanzan por diante do ritmo previsto e estarán rematadas este mes

69

As obras na rúa da Maestranza, entre os xardíns de Marescot, a facultade de Belas Artes e o ambulatorio Virxe Peregrina, avanzan a un ritmo máis rápido do agardado. A empresa adxudicataria xa ten levantado case todo o pavimento, colocados os bordes e todo indica que rematarán antes de fin de ano.

O tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, visitou hoxe esta actuación acompañado de técnicos municipais e representantes da empresa Oresa. Durante a visita falouse polo miúdo da necesidade de compatibilizar o Plan de Obra coa accesibilidade á facultade e ao ambulatorio. Tamén se lembrou a recomendación de reducir os ruídos en horario de consultas médicas e de regar durante os traballos de demolición, ao obxecto de evitar o máximo posible a produción de po.

As obras consisten na instalación dun carril de formigón negro de 3,5 metros de anchura. As beirarrúas conservarán a pedra natural fronte a Belas Artes e o resto serán de lousa gris. O deseño unificará o nivel das distintas plataformas, incluíndo tamén a rúa transversal dos xardíns de Marescot.

O aparcamento de motocicletas será desprazado á rúa do Xeneral Martitegui (lateral de Belas Artes), así como os aparcamentos reservados da facultade. As prazas reservadas do ambulatorio quedarán fixadas na rúa de Echegaray.

A Concellería de Urbanismo e Obras Urbanas está a desenvolver un plan de renovación urbana nas rúas de Prudencio Landín, Marescot e da Maestranza, é dicir, no entorno inmediato dos edificios da Subdelegación do Goberno, a facultade de Belas Artes e o Ambulatorio Virxe Peregrina. O investimento total nestes tres ámbitos supera os 180.000 euros.

O tenente de alcalde, Antón Louro Goyanes, explicou que o proxecto pretende dignificar un espazo moi céntrico, pero con serias deficiencias, tanto na conservación como no propio deseño urbano, que non encaixa coas sucesivas reformas e melloras realizadas tanto na praza de España como na rúa Alameda.