O CITA acolle esta tarde a entrega dos premios Xoán Manuel Pintos

59

O CITA acolle esta tarde, a partir das 20.30, a entrega dos premios Xoán Manuel Pintos 2013 nun acto presidido polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, e que contará coa actuación do grupo Pi Graos.
Nesta convocatoria –o premio Xoán Manuel Pintos concédese cada dous anos- foron galardoados a Coordinadora de traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) polo labor desenvolto desde a última edición do premio á campaña Gústame o Galego. O xurado destacou a mensaxe positiva a prol do galego que vertebra esta iniciativa. A campaña, que xurdiu no seo da asociación, foi espallándose por todo o país e consegue chegar aos máis diversos ámbitos sociais; visibiliza os apoios individuais ao uso da lingua e liga o idioma galego coas coas redes sociais e coa internet. Ademais, o xurado salientou o carácter social que enmarca todas as accións da CTNL e incidiu en que esta asociación une a profesionalidade dos seus membros co activismo social e o compromiso persoal e colectivo coa lingua. O xurado quixo mostrar o seu apoio aos servizos de normalización lingüística municipais, que sufriron fortes recortes e desapareceron nestes últimos anos, e nos que traballan ou traballaron a meirande parte das persoas que compoñen a CTNL.
O premio ao traballo de xeito continuado ao longo de toda a traxectoria para a editorial Kalandraka, porque desde a súa fundación une a lingua galega a produtos excelentes escritos e ilustrados por profesionais de Galicia; mais tamén traduce á lingua galega o traballo dos mellores creadores e creadoras estranxeiros. Kalandraka mantén un compromiso coa lingua tan forte que supera o ámbito empresarial e traspasa as fronteiras galegas. O xurado valorou, ademais, que os produtos da editorial chegan directamente ás familias, facendo normal que o galego sexa a lingua da imaxinación, da fantasía, dos soños e da descuberta do mundo para as lectoras e os lectores máis pequenos. Alén do labor editorial, Kalandraka fomenta a animación á lectura, a creatividade e a escrita colaborando con centros de ensino, entidades e asociacións de Pontevedra.