O Concello recupera o vello sendeiro do Loural, entre Pontillón e o Acival

71

O Concello de Pontevedra está a traballar na rehabilitación do sendeiro do Loural, que une a pé o Pontillón do Castro co alto do monte Acival. As obras foron visitadas esta mañá polos concelleiros Demetrio Gómez, Miguel Filgueira e Anxos Riveiro que comprobaron o avanzado do proxecto que pretende recuperar este antigo sendeiro que na actualidade estaba en estado de abandono, e que permitirá recuperar unha carballeira que linda co sendeiro e que estaba moi afectada polo paso dos lumes e das cortas incortoladas.
Os traballos consisten na limpeza do sendeiro con roza manual e mecanizada, retirando algunha árbore que naceu no medio do sendeiro.
O sendeiro será sinalizado con flechas de orientación nos diferentes cruces para evitar que o sendeirista non se perda. Tamén se fará un marcado con pintura da ruta en diferentes elementos (mesas, pedras, valados…).
O proxecto tamén contempla unha intervención branda na carballeira que linda co roteiro. Farase unha roza en superficie e retiraranse as árbores mortas, caídas, enfermas, alóctonas, para devolver á carballeira o seu estado orixinario. Tamén se fará unha poda dos exemplares a conservar para retirarlles as ponlas rotas, vellas, mortas… e farase un guiado nos novos exemplares.

Ver documento PDF