A Concellaría de Patrimonio Histórico do Concello de Pontevedra organiza unha nova viaxe de coñecemento, que será o sábado 14 de decembro e terá como obxectivo achegarse ao Vigo castrexo e romano.
A viaxe será en autobús posto polo concello, e os participantes terán que facerse cargo das despesas do xantar e da entrada a museos.
O programa da viaxe inclúe visitas ao poboado castrexo do Monte do Castro; a Salinae, Centro Arqueolóxico do Areal (salinas romanas), á sala de arqueoloxía do Museo Quiñones de León ou ao xacemento castrexo e fenicio de Alcabre (Museo do Mar), acompañados por guías locais.
A previsión é saír ás 9.30 horas do estacionamento do bus da rúa San Roque (fronte á escola infantil O Toxo) e voltar a Pontevedra sobre as 9 da noite.
As persoas interesadas deberán inscribirse ben directamente no concello (Michelena, 30-3º andar) en horario de mañá, ou por medio do correo electrónico patrimoniocultural@pontevedra.eu.
No caso de inscrición por correo electrónico, haberá que achegar os seguintes datos de todas as persoas solicitantes de praza:
-Nome e apelidos
-Enderezo
-Teléfono de contacto (no caso de enviar solicitude de inscrición de varias persoas, debe achegarse o teléfono de cada unha)
-Asociación á que pertence (de ser o caso)
-Outra información de utilidade (opcional): razóns polas que desexa participar na actividade, relación da actividade co seu ámbito profesional,…
O prazo de inscrición estará aberto desde o luns 2 ao xoves 5 de decembro.