A Mesa da bici pide un carril bici na ponte da Barca

34

A Mesa da bici, integrada polo Concello e por entidades, asociacións e particulares vinculados ao mundo da bicicleta no concello, reuníronse onte para ir perfilando a programación de actividades de cara a 2014 e abordar temas tan controvertidos na actualidade como a ponte da Barca. 

O concelleiro delegado da área, Miguel Filgueira explicou que entre a programación de promoción e fomento do uso da bicicleta está previsto unha marcha de bicis clásicas, reforzar a feira da bicicleta convocada o pasado ano con actividades paralelas, ou conferencias.

Na reunión tamén se fixo unha dobre recomendación: para os ciclistas a necesidade de facerser ver, especialmente na noite; e para os conductores que respecten a distancia de seguridade ao respecto dos ciclistas.

Todos os axentes da reunión tamén abordaron a situación das infraestruturas na cidade, en concreto a polémica xurdida ao redor da ponte da Barca. Na reunión reclamouse a creación un carril bici na ponte a cambio da eliminación dun carril de circulación para coches, así como a ampliación dos espazos para peóns, facendo da ponte da Barca unha rúa máis de Pontevedra, e unindo o entramado urbano de ambos concellos.

As asociacións de ciclistas reclaman a unión de Pontevedra coas praias de Lourido e de Marín a través de carriles bicis, pensados para ciclistas urbanos e eliminando as actuais barreiras que impiden un tránsito ciclista seguro e coherente entre os tres concellos.