A praza do Marqués de Valterra estrea iluminación e contará con novo pavimento durante a próxima semana

30

Unha nova actuación municipal na praza do Marqués de Valterra, en Estribela, mellorará a calidade de vida dos seus veciños. O tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, visitou hoxe os traballos de mellora das beirarrúas e a nova iluminación pública.
O investimento total no barrio, con cargo ao Plan de Obras 2013 da Concellería de Urbanismo, supera os 95.000 euros.
A nova iluminación consiste en nove puntos de luz (sete sobre báculo e dous sobre fachada) que proporcionarán un ambiente axeitado nunha zona que quedaba a escuras durante a noite pola obsolescencia da rede anterior. Estas obras, valoradas nuns 30.000 euros, están a ser executadas pola empresa Tea Instalacións. Están xa moi avanzadas e agárdase que podan rematar mañá, venres.
A outra actuación consiste no acondicionamento da beirarrúa perimetral ao parque infantil de Estribela. Será acabada en pedra, como xa se fixo no outro lado da praza no marco das obras da Área de Rehabilitación Integral. A mellora incluirá tamén un acceso, con pavimento de formigón, á porta do recinto da zona de xogos. Tamén se restaurará unha pequena fonte.
Por outra banda, quedou confirmado que o próximo luns comezará o fresado de todo o pavimento da avenida do Marqués de Valterra e da praza, dende a entrada á altura da pasarela, ata a fonte do límite do termo municipal con Marín. A actuación, cun orzamento de 65.670 euros, está a cargo da empresa EC Casas.
Antón Louro supervisou esta mañá cos técnicos e a empresa o Plan de Obra, co obxectivo de que os traballos non prexudiquen ou impidan a celebración do mercadiño ambulante do próximo mércores, día 11.
O fresado ocupará a xornada do luns, mentres que o martes procederase ao asfaltado de toda a superficie. O mércores quedarán paradas as obras e retomaranse o xoves e o venres para os últimos remates e o pintado final.
Antón Louro destacou que a calzada conservará os dous pasos de peóns elevados, pero incrementarase substancialmente a seguridade viaria ao incluír o marcado regulamentario dos carrís de circulación en ambos sentidos, así como das zonas de aparcamento, que quedarán perfectamente ordenadas.