Comeza a restauración do Castro das Croas, na parroquia de Salcedo

78

Os concelleiros Luís Bará e Demetrio Gómez visitaron esta mañá os traballos de recuperación do Castro das Croas, en Salcedo, xunto a representantes da comunidade de montes e de veciños Heroes do Campo da Porta. O Castro das Croas é o asentamento humano máis antigo do concello, duns 2.500 anos.
Os traballos comezaron a pasada semana co desbroce da croa do castro, que ten unha superficie aproximada de unha hectárea. Os traballos consisten na roza manual de silveiras, toxo, xestas, canavais… o que permite visualizar perfectamente o outeiro, e a chan na que se emprazou o poboado castrexo, datado fai uns 2.500 anos.
A transformación foi moi espectacular, xa que fixo emerxer o recinto castrexo do bosque de herbas, arbustos e árbores que o sepultaba. O desbroce facilita tamén o acceso a pé ao espazo arqueolóxico, que ata agora era completamente intransitable.
A actuación continuará coa corta das árbores do perímetro do recinto amurallado, entre o xacemento e o río do Batán. E realizarase un levantamento topográfico e un traballo de documentación de recheos, canteiras e outras intervencións humanas no ámbito do recinto arqueolóxico.
Nunha fase posterior procederase á excavación parcial do castro, continuando desta maneira os traballos dirixidos a comezos dos anos 90 por Antonio de la Peña, nos que se documentou un treito da muralla no lado este e o muro dunha vivenda no interior da croa. Nos traballos de excavación do castro está previsto organizar un programa de voluntariado para conseguir a implicación da comunidade escolar e da veciñanza da parroquia.
Independentemente da data de inicio destes traballos (a previsión é desenvolvelos no verán), o Concello prevé comezar na primavera un programa de visitas guiadas ao castro das Croas e a outros bens arqueolóxicos e etnográficos da parroquia de Salcedo.
Espazo etnoarqueolóxico de Salcedo
O Castro das Croas é un punto estratéxico do plan de recuperación e divulgación do patrimonio de Salcedo, artellado arredor dos bens etnográficos e arqueolóxicos desta parroquia: o conxunto etnográfico dos muíños do río do Batán, as estacións arqueolóxicas de Vilar de Matos (Cabanas), Mato das Cruces (A Esculca) e Outeiro da Mina; o Pazo de Gandarón (sede da Misión Biolóxica); o trazado da Vía XIX e os miliarios descubertos nas obras de construción da vía férrea; e o Castro das Croas son os principais referentes do denominado “Espazo arqueolóxico de Salcedo”, un proxecto que contempla a restauración de bens, a sinalización e a posta en marcha dun programa de divulgación e dinamización mediante exposicións, guías, paneis interpretativos, roteiros, visitas guiadas, actividades lúdicas, etc
Colaboración veciñal
Ademais da riqueza de bens patrimoniais que atesoura Salcedo, o Concello escolleu esta parroquia polo alto grao de implicación veciñal nos labores de recuperación e dinamización do patrimonio. Neste sentido, cabe salientar o labor que vén desenvolvendo a asociación veciñal Heroes do Campo da Porta na restauración de muíños e mais a sensibilidade e o compromiso da comunidade de montes nos proxectos de posta en valor do patrimonio parroquial.
Cómpre ter en conta que tanto o monte da Croas como os muíños do Batán están en terreos de propiedade comunal e existe total sintonía entre o Concello e a comunidade de montes á hora de impulsar este proxecto.
Plan do patrimonio rural
A intervención no Castro das Croas e no espazo etnoarqueolóxico de Salcedo constitúe a actuación estelar do plan do patrimonio rural aprobado no mes de xuño do ano 2012 e que está dando xa os primeiros froitos no eido da conservación, protección e restauración dos bens patrimoniais. Na parroquia de Salcedo rematouse unha primeira actuación de limpeza e acondicionamento do contorno dos muíños do Batán e iniciouse a posta en valor do castro das Croas.
Noutras parroquias estanse a levar a cabo traballos de limpeza e restauración de pontes, muíños, cruceiros, lavadoiros, fontes, etc. Paralelamente  desenvólvense accións de catalogación (actualización e ampliación do inventario de bens) e de divulgación mediante roteiros temáticos, publicacións, audiovisuais, xornadas, exposicións ou festas arredor do patrimonio cultural do rural.