O primeiro andar da Praza de Abastos acolle, ata o día 21, a Feira de Doces de Convento

56

A primeira edición da Feira de Doces de Convento quedou aberta hoxe, no primeiro andar da Praza de Abastos. Ata o próximo día 21 será posible adquirir ata 78 referencias distintas das máis exquisitas mostras da repostería dos conventos de clausura de toda España.
A mostra foi inaugurada hoxe pola concelleira de Promoción Económica, Emprego e Turismo, Carlota Román, acompañada do vicario de Pontevedra, Calixto Cobo, e representantes do Centro Comercial Urbano Zona Monumental.
Román destacou que trátase dun intento máis de dinamizar a Praza de Abastos e animou a todos os pontevedreses a pasar polas instalacións da rúa Serra para completar as compras de Nadal.
Na Feira de Doces de Convento están a colaborar os alumnos do módulo de Dinamización Turística do Obradoiro de Emprego de Monte Porreiro. Á estrea asistiron tamén alumnos da especialidade de Guía Turístico da Escola de Hostalería Carlos Oroza.
A concelleira destacou que os prezos dos produtos son os fixados por cada convento. A inmensa maioría non teñen distribución comercial e só é posible adquirilos directamente nos recintos relixiosos.
Hai un stock de 800 caixas de produto. O máis caro son os mazapáns de Quintanar de la Orden (Toledo), a un prezo de 11 euros. O máis barato, as magdalenas das clarisas de Úbeda (Xaén), elaboradas co aceite das oliveiras do propio convento, que se poden adquirir a 4,50 euros.
A I Feira de Doces de Convento estará aberta en horario de 10.00 a 14.30 horas e de 17.00 a 20.00 horas. As ordes relixiosas participantes foron seleccionadas polo Arcebispado de Santiago e o ente “Expoconventos”.

A relación de participantes está formada por:
Benedictinas de Trasmañó (Redondela): doces variados.
Benedictinas de Cuntis: galletas e amendoados.
Dominicas de Viveiro: “Tarta Real” (parecida á de Santiago pero cuberta de améndoa fileteada).Turróns. “Amarguillos” (parecidos ao mazapán). “Cordiales” (recheos de cabelo de anxo).
Benedictinas de Santiago: Amendoados que se venden nunha caixa cun botafumeiro.
Dominicas de Santiago: “Belvises”: posiblemente as mellores pastas de té de Galicia.
Clarisas de Coín (Málaga): Turróns premiados co premio de innovación do Club do Gourmet. “Hugolinas” (un brownie con noces). “Tortas de Asís” (galletas con cabelo de anxo) e “Bocadiños de Améndoas e Piñóns”.
Clarisas de Estepa (Sevilla): Convento coa primeira pastelaría de España, dende 1599. Mantecados coa receta orixinal. “Pasteis de gloria” (mazapán con cidra).
Agustinas de Sevilla: Responsables das famosas “Xemas de San Leandro”. Presentación espectacular en caixa de madeira. Cada xema require 10 minutos de elaboración. Receita de 1763.
Clarisas de Úbeda (Xaén): Das mellores magdalenas de repostería monacal. Elaboradas con aceite autóctono.
Agustinas Fregenal (Badaxoz): Antiquísimas receitas do século XVII. Destacan as “Perrunillas” (pasta dura de améndoa).
Clarisas Vivar del Cid (Burgos): Elaboran doces dende o século XII. “Lágrimas del Destierro” (receita da época do Cid Campeador) e Turrón de guirlache.
Carmelitas de Bracamonte (Salamanca): Destacan as súas Cocadas.
Trinitarias de Quintanar de la Orden (Toledo): Excelentes figuras de mazapán.
Císter de Toledo: Expertas en mazapán, ata o punto que se di que foi aquí onde naceu como “masa de pan”.
Clarisas de Ávila: Famosas polos seus Turróns, de impecable presentación e calidade.
Clarisas de Alcalá de Guadaira (Sevilla): Expertas en Xemas. Tamén en “Corazones de Obispo”, amendoados moi valorados. Venden habitualmente no club do gourmet dunha gran cadea de distribución.
Carmelitas de Oviedo: Tortas de noces e avelás. Único convento de Asturias que elabora doces.
Clarisas de Ronda (Málaga): As Barras de Mazapán teñen gran sona. O batido da masa faise polo ritual do “rezo” e non por tempo.
Clarisas de Astudillo (Palencia): Destacan as súas Trufas.
Clarisas de Valladolid: Coñecidas polos seus “Sobaos”.