A pasarela de José Adrio Barreiro incorpora un parque infantil que evoca o carácter ferroviario do espazo

39

A praza de José Adrio Barreiro (coñecida popularmente como “a pasarela”) estase a transformar nun espazo urbano de calidade e creará unha nova centralidade na cidade de Pontevedra. Así o afirmou hoxe o tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, durante a última visita técnica para comprobar o desenvolvemento das obras.
Louro visitou a zona acompañado dos técnicos municipais. O orzamento total é de 250.458,62 euros, dos que 149.763,79 euros corresponden á obra civil, adxudicada a “Covsa”, que xa está rematada. O resto a melloras no tratamento da superficie, beirarrúa perimetral, mobiliario e alumeado público. A “pasarela” estará acabada durante a próxima semana.
A última mellora introducida foi a dotación dun parque infantil na parte máis próxima á rúa de Joaquín Costa. O parque, cunha superficie de 250 metros cadrados, consiste en dous bloques de xogos en forma de máquina de tren montada sobre unha dobre vía. Sobre o pavimento de caucho tamén se pintará unha estación ferroviaria.
O tenente de alcalde comprobou o resultado dos últimos detalles incorporados a un proxecto destinado a recuperar un espazo que, a pesar de cubrir unha área de 3.500 metros cadrados nesta céntrica localización, tiña un aspecto “inacabado”. Todo o espazo queda agora pechado por un pequeno muro perimetral de pedra do Paraño rematado por varanda metálica. O cerramento, polas súas dimensións e pola inclusión dunhas escaleiras centrais, enfatiza a conexión de José Adrio coa rúa do 12 de novembro. O aspecto final ofrece unha fronte moi despexada, que mellora a visibilidade de todo o tecido comercial da “pasarela”. Na memoria dos pontevedreses que perderon a súa vida en 1936 defendendo a Democracia plantáronse 10 cerdeiras de flor. Haberá tamén outros tantos bancos.
A principal singularidade do proxecto é o tratamento da superficie cunha resina de cor terra. Estará cruzada transversalmente por unhas liñas máis escuras compoñendo un código de barras.  O código ofrecerá a lectura “José Adrio Barreiro”. A aplicación da primeira imprimación comezou esta mesma mañá.
O proxecto resolveu tamén dun xeito homoxéneo a conexión dos niveis da “pasarela” e a rúa interior dos edificios Silva con só dous ou tres chanzos en función do tramo. A accesibilidade quedou garantida cunhas pequenas ramplas cara os extremos da praza, nas  rúas de Loureiro Crespo e de Joaquín Costa.
Con todo, unha das melloras máis valoradas por veciños e comerciantes foi a instalación dunha rede de recollida de pluviais. Amplas grellas no pavimento canalizan a auga da choiva acabando coas pozas que se producían nalgúns puntos.