A Feira de Doces de Convento “tira” con forza da Praza de Abastos de Pontevedra

37

A I Feira de Doces de Convento, que a Concellería de Promoción Económica organizou no primeiro andar da Praza de Abastos, está a superar todas as expectativas. Das 800 caixas de produto lévanse vendidas en torno a 750, o que obrigou a repoñer existencias. As cifras de vendas superan xa os 6.000 euros.
A feira, inaugurada o pasado día 10 permanecerá aberta ata o próximo sábado, día 21 en horario de mañá e tarde. Conta coa colaboración do Arcebispado de Santiago e o ente “Expoconventos”.
A concelleira Carlota Román destaca o gran tirón que este evento está a producir sobre a Praza de Abastos, que rexistra estes días importantes cifras de visitas. Aos tradicionais clientes durante o período de Nadal engádese o forte impacto que está a producir a Feira de Doces de Convento.
O departamento de Promoción Económica está a facer unha estatística de visitantes ao primeiro andar que vai concluír con resultados sorprendentes e moi por enriba das expectativas. Estase a detectar que moitos clientes acoden á Praza directamente atraídos polos doces e aproveitan a visita para adquirir outros produtos na instalación municipal. As cifras de asistencia polas tardes, a pesar de que a Praza non ten actividade en horario vespertino, tamén están a ser espectaculares.
Durante a mañá do pasado sábado vendéronse 1.200 euros en produtos de repostería conventual. Unha auténtica tolería de público, subliñou a edil, quen considera que esta feira demostrou sobradamente que a organización de actividades complementarias no primeiro andar da Praza de Abastos é unha estratexia axeitada.
Os produtos máis demandados polo público son as tortas. Tanto a de Viveiro, como a de abelás e noces (Oviedo) e as de améndoas e polvoróns (Alcalá de Guadaira) baleiraron pronto os seus andeis. A outra especialidade estrela son as xemas, porque tanto as de San Leandro (o produto máis caro) como as de Alcalá de Guadaira tiveron unha gran aceptación.
A organización tivo dificultades para poder repoñer produto, e mesmo tiveron que incorporar algunhas outras elaboracións distintas, non previstas inicialmente, chegadas doutros conventos españois.
Na Feira de Doces de Convento están a colaborar os alumnos do módulo de Dinamización Turística do Obradoiro de Emprego de Monte Porreiro. Carlota Román destacou o seu papel nesta primeira edición, que se suma, ademais, ás actividades de dinamización e decoración da Praza de Abastos que están a desenvolver nesta campaña de Nadal.