A gala final de PontedeTapas premiou aos tres gañadores: Loaira, Taberna Zentola e PTV

138

A gala final da sexta edición do concurso PontedeTapas, organizado pola Concellería de Promoción Económica, puxo onte o broche de ouro a un certame gastronómico que concluíu con máis de 40.000 tapas vendidas e unha repercusión económica que superou os 125.000 euros, segundo as cifras finais. Trátase da primeira vez que se organizaba un acto destas características.
Á gala asistiron máis de 300 persoas, entre elas os gañadores dos premios do público, persoal e amigos dos establecementos finalistas e tamén unha representación de hostaleiros doutras cidades galegas, entre elas Santiago, que acudiron ata Pontevedra para comprobar o desenvolvemento deste espectáculo coa intención de incorporalo á súa programación para o ano próximo.
O acto, celebrado no auditorio de NovaGalicia Banco, estivo presidido pola concelleira Carlota Román e contou coa dirección e presentación a cargo do xornalista Xosé Manuel García. Un xurado profesional, encabezado polo cociñeiro Pepe Solla, encargouse de elixir aos gañadores nas modalidades de tapa creativa, tapa tradicional e cóctel.
Durante a súa intervención, Carlota Román, destacou o apoio que PontedeTapas supón para a hostalería local nun momento de temporada baixa, como a ponte da Constitución, pero insistiu na necesidade urxente de que o sector cristalice coa creación dunha asociación que sexa representativa e permita traballar “máis e mellor” co Concello. Da importancia de PontedeTapas tamén falaron os responsables dun dos establecementos finalistas, “Meigas Fóra”, que cando só levaban un mes abertos ao público atoparon no concurso un auténtico aliciente, o que os levou a vender máis de mil tapas.
Román engadiu que é imposible calcular o número real de tapas vendidas, pois aínda que se encheron máis de 32.000 cupóns de votación polo público, hai que ter en conta que cando menos o 30% dos consumidores non se para a facelo. O importante, engadiu, é o factor de dinamización sectorial de PontedeTapas.
Os cociñeiros e barmans finalistas, sobre un total de 52 participantes, elaboraron en directo as súas propostas. O xurado foi probando cada unha delas. Sobre o escenario desfilaron os representantes de El Cafetín, La Tienda de Clara, Loaira, Meigas Fóra, A Trigueira, Sidrería Montañés, Taberna Zentola, Cervecería PTV, Flanagan e Marilyn.
Na categoría de tapa tapa creativa, o gañador do primeiro premio foi Loaira. Na de tapa tradicional, a Taberna Zentola. Na sección de cócteles, o trunfo absoluto foi para o PTV. Houbo outros dous premios especiais do público, saídos directamente das votacións populares: na tapa, o galardón foi para El Aleph e nos cócteles, para o Bar Chirala.
Durante a gala foron entregándose os premios aos clientes que resultaron agraciados no sorteo realizado a semana  pasada na Casa da Luz. Repartiuse unha viaxe a Viena para dúas personas e 11 cheques de entre 100 e 400 euros para gastar no comercio local e na Praza de Abastos. Estiveron todos os premiados, agás o presidente da Deputación, Rafael Louzán, quen tampouco enviou ningún representante á recoller o cheque de 350 euros que lle correspondeu no sorteo.
O resto dos premiados foron Candela González, que gañou a viaxe a Viena; José M. González Abal (400 euros); Francisco Tilve (300 euros); Carlos Nieves Martínez (250 euros); Mónica Cangas e Lourdes Arias (200 euros), e Luz Rosales e Ubaldo González (100 euros). Todos poderán gastar os cartos no comercio local. Pablo Yarza, Edelmiro Alejandre e Nuria Magdalena, pola súa banda, poderán adquirir produtos na Praza de Abastos.
Durante a gala producíronse momentos moi valorados polo público, como a exhibición de coctelería acrobática, a cargo da Asociación Galega de Barmans que, xunto cos comentarios do presentador e dos membros do xurado, amenizaron un acto que se prolongou durante case tres horas.