Os premios do Circuíto de Carreiras Populares de Pontevedra entréganse este sábado no Teatro Principal

88

Os gañadores das distintas categorías no Circuíto de Carreiras Populares de Pontevedra (CCCP) teñen unha cita este sábado, día 28, no Teatro Principal de Pontevedra. A partir das 12 horas entréganse os premios nun acto que estará presidido polo concelleiro de Deportes, Agustín Fernández.
A cerimonia, que inicialmente ía celebrarse na praza de Ourense, trasladouse ao Principal diante das previsións meteorolóxicas, que dan unha alta probabilidade de choiva para esa xornada.
Os gañadores absolutos son José Antonio Ramallo en homes e Verónica Romero en mulleres. Serán premiados os cinco primeiros absolutos e os tres primeiros nas categorías junior, senior e nos sete grupos de idade de veteranos.
O CCCP foi unha iniciativa pioneira en Pontevedra e permitiu ordenar un calendario de carreiras populares estable e un marco de colaboración institucional coa organización daquelas probas que corrían risco de desaparecer.
Cun prezo reducido de só 25 euros foi posible participar nas carreiras de San Brais (5.500 metros) no mes de febreiro; Monte Porreiro (8.000 metros) en abril; PonteNoite (10.000) en xuño; Santiaguiño do Burgo (5.700 metros) en xullo; Campañó (9.650 metros) en setembro e, finalmente, o Medio Maratón de Pontevedra (outubro). A carreira do Santiaguiño foi suspendida ao coincidir co accidente ferroviario de Angrois.
O calendario incluíu dúas novas citas: a carreira de Monte Porreiro e PonteNoite.
A inscrición nesta primeira edición chegou aos 214 corredores (190 homes e 24 mulleres). Non obstante, ao longo do ano fixéronse accións de incentivación da participación feminina, o que fixo posible que en dúas carreiras tiveran participado máis dun cento de mulleres. Foron os casos da PonteNoite (104) e o Medio Maratón (124).
O concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, está a traballar en novidades para o CCCP de 2014, de xeito que se reforce aínda máis a aposta polo deporte popular.

SAN SILVESTRE

Por outra banda, esta noite remata o prazo de inscrición da carreira popular San Silvestre que o Concello organiza conxuntamente coa Sociedade Ximnástica de Pontevedra. A inscrición debe formalizarse a través do sitio web da Ximnástica.
A recollida de dorsais xa pode realizarse a partir de mañá, venres, na Casa da Luz.