“Pontexogos” pecha mañá as súas portas despois de acoller máis de 25.000 visitas

78

“Pontexogos”, a iniciativa impulsada pola Concellería de Promoción Económica para dinamizar as vendas do comercio local durante a campaña de Nadal, pechará mañá, sábado, as súas portas con cifras de récord. A menos de 24 horas do remate xa é seguro que se sobrepasarán os 25.000 visitantes, superando así os 20.000 da última edición.
O operativo está deseñado para nenos de 3 a 12 anos. Está composto por unha carpa de actividades, denominada “A fábrica de soños”, e por un tiovivo. A entrada é gratuíta e tan só se require a presentación dun tique de compra, cun valor mínimo de tres euros, en calquera establecemento pontevedrés.
Para os interesados en gozar desta última xornada de sábado, lémbrase que o horario de apertura é de 11.30 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.30 horas.
A concelleira Carlota Román destaca que o Nadal pontevedrés xa non se concibe sen “Pontexogos” que, ao apostar por un espazo tan céntrico como a praza de España, e ofrecer un catálogo de actividades de lecer tan amplo e variado ten o éxito garantido.
Román subliña que os comerciantes de Pontevedra son os principais beneficiarios desta iniciativa, que fai posible deixar aos rapaces ben atendidos mentres se realizan as compras. Sen embargo, hai que destacar tamén o servizo que se fai ás familias proporcionando alternativas de lecer tan fáciles e accesibles para todos.
O control de entrada rexistra que xa pasaron polo tiovivo 12.174 nenos/as, mentres que a carpa atendeu a 11.826. Estas cifras incrementaranse substancialmente de aquí ao sábado.
Os días de maior afluencia foron o domingo, 22, para o caso do tiovivo, con 1.287 rapaces, e o domingo, 28, para “A Fábrica de Soños”, con outros 1.131 cativos/as.

OS REIS MAGOS NO MERCADO DE ABASTOS

Por outra banda, a Concellería de Promoción Económica, en colaboración co Obradoiro de Emprego de Monte Porreiro, organiza unha visita das Súas Maxestades os Reis Magos á Praza de Abastos de Pontevedra.
A cita é mañá, sábado, en horario de 11.30 a 13.00 horas. Os Magos de Oriente atenderán aos rapaces que queiran deixar as súas cartas nun dos postos do primeiro andar do edificio municipal.
A actividade está encadrada dentro dos actos de promoción e animación que organizan os alumnos do módulo de Dinamización Comercial do Obradoiro.