Ábrese o prazo para solicitar locais dentro do viveiro de empresas de Santa Clara

59

As novas empresas interesadas en botar a andar no viveiro municipal de empresas da rúa de Santa Clara, número 4, xa poden presentar as súas solicitudes, dende mañá, mércores, e ata o próximo día 22 deste mes de xaneiro incluído. A web do Concello de Pontevedra publicou hoxe as bases que rexerán a adxudicación dos despachos.
O Centro de Iniciativas Empresariais (CIE) xurdiu no ano 2012 do impulso da Concellería de Promoción Económica, Emprego e Turismo, que decidiu aproveitar este inmoble como estímulo ao emprendemento empresarial despois de centralizar todos os seus servizos administrativos, xunto coa Empresa Municipal de Turismo, na Casa da Luz.
O CIE dispón dun total de seis módulos empresariais. Deles, hai cinco dispoñibles, unha vez que rematou o período de ocupación dos anteriores adxudicatarios. A concelleira, Carlota Román, considera que, diante da actual situación económica, o Concello debe facer o máximo esforzo por manter esta ferramenta de apoio aos emprendedores.
Os novos “inquilinos” disporán dun período ocupación máximo de 18 meses, que deberán ir renovando por semestres. Pagarán un prezo público de ocupación de 82,22 euros mensuais polos despachos sinxelos, 164,43 euros polos despachos dobres e 57,55 euros polos despachos compartidos. Ademais dos despachos, os beneficiarios disporán dunha sala de xuntas e servizos centralizados de recepción, recollida de correspondencia, ordenador, fax e fotocopias.
A adxudicación aos emprendedores será realizada en función dun baremo que inclúe entre os criterios a ter en conta a presentación de proxectos empresariais en actividades emerxentes e xeradoras de emprego, promovidos por titulados recentes, carácter innovador, maior demanda de capacitación profesional nos postos de traballo a crear, utilización de materias primas autóctonas e, finalmente, as expectativas de promoción da actividade empresarial fóra do municipio.
Román destaca que os locais funcionarán como despachos administrativos para actividades de oficina das novas empresas. Por outra banda, as bases exclúen directamente o acollemento de actividades insalubres, molestas, nocivas ou perigosas. Están tamén excluídas as actividades comerciais que supoñan a apertura ao público dun establecemento, por enriba da mera relación profesional-cliente propia dos despachos. A criterio da concelleira, non sería aceptable converter estes locais en centros de venda que fagan competencia desleal ao comercio establecido.
Aínda que estes módulos administrativos están destinados a empresas de nova creación, en caso de quedar vacantes, poderán tamén adxudicarse a empresas que leven menos de dous anos constituídas. Xa que logo, este tipo de firmas tamén poderán presentar as súas solicitudes.
As solicitudes deben presentarse no Rexistro Xeral do Concello e poderán adaptarse ao modelo de formulario que está dispoñible, xunto cun currículum dos solicitantes e unha memoria descritiva da actividade.
Carlota Román engadiu que o seu departamento está a traballar na axilización dos expedientes para cubrir estes locais, porque, ata o de agora, se viñan pedindo demasiados requisitos aos emprendedores e, por outra banda, a aprobación da convocatoria replica, unha e outra vez, os mesmos trámites e informes municipais. Non pode ser, destacou, que cada vez que conclúa o período de ocupación destes locais haxa que reiniciar un procedemento administrativo completo e complexo para cubrilos. Necesitamos ser máis rápidos e flexibles, concluíu.