Antón Louro destaca que o Plan de Obras Urbanas 2013 executouse en prazo récord e axustándose aos orzamentos de adxudicación

40

As 11 actuacións que compoñen o Plan de Obras Urbanas 2013 executáronse en prazo record e sen superar os custos de adxudicación. O tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, subliñou estas dúas circunstancias durante a visita que esta mañá realizou á rúa de Blanco Porto para recabar as opinións dos veciños e supervisar os últimos detalles cos técnicos municipais e a empresa contratista.
O paquete de actuacións foi licitado nun total de 2.861.720 euros e as adxudicacións tiveron unha baixa media do 3,2%. Antón Louro destacou que algunha das obras nin sequera tiveron baixa económica porque se deu prioridade á rebaixa no prazo e ás melloras, algo que considera prioritario diante dos exemplos que estamos a ver noutras Administracións.
O resultado foi que todas as actuacións foron executadas sen ningún modificado e, ademais, cumprindo os prazos para rematalas antes do 31 de decembro pasado. Para elo, remarcou o tenente de alcalde, resultou crucial o traballo dos técnicos municipais, primeiro na redacción de “proxectos aquilatados” e, posteriormente, no esforzo para a dirección de obra simultánea das 11 actuacións abertas.
No que atinxe á rúa de Blanco Porto o tenente de alcalde, os técnicos e o contratistas comprobaron o bo resultado estético e funcional dunha reforma integral que, a día de hoxe, está só pendente do pintado da liña amarela e o remate de dúas arquetas. Remates que consumirán un par de xornadas e que se deixaron para despois de Reis diante da necesidade de reabrir o tráfico en Nadal e tamén á espera dunha mellora no tempo.
Por outra banda, estudouse cos veciños do edificio número 11, que dispoñen dunha rampla moi pronunciada de acceso ao seu garaxe, posibles actuacións complementarias para facilitar a entrada e saída dos vehículos.
Finalmente, Louro anunciou que o tramo final da rúa (entre o cruce de Cruz Gallástegui e Joaquín Costa) realizarase nunha segunda fase durante este ano.
O Plan de Obras 2013 abrangue todas as actuacións adxudicadas durante a pasada anualidade e realizadas no último trimestre: Blanco Porto, Leiras Pulpeiro, pasarela de José Adrio, barrio de Fontesanta, asfaltado e ampliación de beirarrúas da avenida Marqués de Valterra, nova iluminación en Marqués de Valterra e as rúas da Maestranza, Prudencio Landín e Doutor Marescot.
A elas cómpre sumar as de Santa Clara e avenida de Lugo que contan con financiamento bianual. No caso de Santa Clara está rematada a primeira fase e inclúe dúas máis. Na avenida de Lugo executarase nunha única fase. As obras en ambas rúas comezarán a mediados deste mes de xaneiro e estarán rematadas a principios do próximo verán.
A elas incorporaranse algunhas actuacións máis con cargo aos orzamentos xerais do Concello para 2014 que están a ser estudadas pola Tenencia de Alcaldía cos técnicos urbanísticos municipais.