Xornada formativa para os participantes na nova edición do Club de Debate

56

A Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra organiza mañá un curso de habilidades comunicativas para os mozos e mozas participantes na nova edición do Club de Debate de Pontevedra. A xornada desenvolverase mañá, sábado 11 de xaneiro, no Pazo da Cultura, e acollerá os 57 integrantes dos 6 equipos, na meirande parte estudantes de 1º de bacharelato e 4º de ESO. 
Nesta reunión formativa farase unha preparación de habilidades comunicativas para falar en público. Dende as 10.30 até as 13.30 as 55 persoas que participarán no Club de Debate de Pontevedra abordarán o fenómeno da comunicación, a modulación da voz (ton, intensidade, ritmo), a ordenación do discurso, a escoita, a comunicación non verbal, a linguaxe. Tamén traballarán a complexidade da comunicación grupal.
Nesta edición os equipos participantes serán os seguintes:
• IES A Xunqueira I (10 alumnos)
• IES Luís Seoane (8 alumnos)
• IES Torrente Ballester (10 alumnos)
• IES Valle Inclán A (6 alumnos)
• IES Valle Inclán B (6 alumnos)
• IES Ponte Caldelas (7 alumnos)

Os contidos que se traballan na actividade desenvolven as habilidades comunicativas e a oratoria do alumnado; tamén se traballa o proceso de documentación sobre os temas obxecto de debate. Ademais, esta actividade fomenta o pensamento crítico, a tolerancia fronte á diversidade de opinións e o traballo en equipo.
Este proxecto, naceu ao abeiro das recomendacións do Plan Xeral de Normalización Lingüística para un dos sectores que considera estratéxico: a mocidade e recolle a responsablidade que o Plan lle atribúe á Administración local no seu cumprimento. Formúlase con base no obxectivo xeral de impulsar o uso da lingua galega cunha visión moderna, afable e útil desta e reforzando a súa estima. Procura activar o uso oral do idioma en contextos formais (os propios debates) e informais (a convivencia entre os participantes durante todo o desenvolvemento da actividade).