O Circuíto de Carreiras Populares de Pontevedra incorpora unha clasificación compensada e outra por equipos

66

O Circuíto de Carreiras Populares de Pontevedra (CCCP) afronta a súa segunda edición con importantes novidades e coa introdución de dúas novas clasificacións, compensada e por equipos, que acentúan a súa vocación de fomento do deporte entre a poboación, eliminando barreiras de idade e xénero.

Así o subliñou o concelleiro, Agustín Fernández, quen hoxe presentou o circuíto acompañado dos responsables das distintas entidades colaboradoras. Asistiron o presidente da Sociedad Gimnástica de Pontevedra, Ramón Touza e os represenatntes da Asociación Cultural de Campañó, José María Domínguez; Asociación de Veciños de Monte Porreiro, Carlos Diéguez e Asociación Cultural Salcedo-Norte, Ernesto Malvar.

Fernández destacou que despois do éxito da primeira edición desta iniciativa da Concellería de Deportes, na que se inscribiron 214 corredores, optouse por introducir estas melloras para fixarse como obxectivo dobrar a participación ou, en todo caso, achegarse aos 400 inscritos.

O concelleiro explicou que a novidosa clasificación compensada premiará aos tres mellores homes e mulleres que obteñan os mellores postos en función das táboas compensadoras de tempos por idades que elabora anualmente a Asociación Mundial de Atletas Masters. Trátase así de recoñecer e valorar directamente o esforzo dos corredores cun factor corrector que servirá para poñer en valor o carácter popular deste Circuíto.

O CCCP se converte así no primeiro circuíto de Galicia en elaborar clasificación con equivalencias de tempos por idades. Agustín Fernández indicou que, aínda que non ten plena certeza, pensa que non hai ningunha carreira que aplique este tipo de compensacións, a pesar de que introducen un factor de igualdade indubidable.

A outra novidade chega coa creación da clasificación por equipos. Os equipos deberán estar integrados por grupos de 12 deportistas, nos que deberá haber integrantes dos dous sexos cun mínimo de dous para o menos representado. A táboa final será o resultado da suma das puntuacións dos seis primeiros corredores (cun mínimo de un do sexo minoritario) de cada equipo en cada carreira. A base será a clasificación compensada para afondar no espírito popular.

As clasificacións serán, por tanto, catro:

Absoluta, con premios para os tres primeiros clasificados masculinos e femininos. Obterán trofeo e vales de compra no comercio local de 500, 400 e 300 euros, respectivamente cada un deles.

Clasificacións por idades, con categorías que comezan dende os 35 anos aos 65 anos para homes e mulleres. Os tres gañadores de cada categoría obteñen trofeo. Elimínase a categoría junior porque o circuíto esixe unha idade mínima de 18 anos e, ademais, non había demanda.

Compensada, con trofeo para os tres primeiros homes e as tres primeiras mulleres.

Por equipos, con trofeos para os tres primeiros, e un vale de compra de 300 euros no comercio local para o mellor equipo.

O custo da inscrición será de 30 euros para os titulares de chip amarelo, o que dará dereito a participar nas seis carreiras. Agustín Fernández subliñou que trátase dun prezo que supón un aforro importante sobre a suma das inscricións individuais nas seis carreiras, o que suporá un desembolso de 50 euros. Os corredores que non dispoñan de chip en propiedade deberán pagar 45 euros para cubrir a compra ou aluguer do dispositivo de medición de tempos. Ao remate do circuíto poderán devolvelo, co que se lles reintegrarán 6 euros.

Os integrantes dos equipos deberán inscribirse conxuntamente para os 12 participantes. Pagarán un prezo total de 335 euros, o que supón un desconto de algo máis de dous euros sobre o prezo que pagan os corredores individuais. En caso de non dispor de chip, hai que engadir 15 euros por atleta. O concelleiro de Deportes subliña que o concepto de equipo refírese ás inscricións grupais. Non hai que cumprir ningún requisito federativo. Basta con anotarse como tal e competir cunha mesma camiseta.

Todos os trámites de inscrición deben realizarse a través da plataforma web www.championchipnorte.com. O prazo comezará coa carreira de San Brais e rematará coa inscrición da Ponte Noite, dado que as puntuacións finais realízanse sobre os catro mellores resultados.

O CCCP mantén o calendario de probas creado o ano pasado, a partir das existentes e a incorporación de dúas novas en Monte Porreiro e no centro da cidade. Un calendario repartido ao longo do ano e que cumpre a dobre función de apoiar aos organizadores locais de San Brais, Santiaguiño do Burgo e Campañó e introducir tamén novas probas.

O calendario inclúe:

San Brais (Salcedo), o 2 de febreiro, sobre 6.000 metros

Monte Porreiro, o 13 de abril, sobre 8.000 metros.

Ponte Noite, o 14 de xuño, sobre 10.000 metros.

Santiaguiño do Burgo, o 25 de xullo, sobre 6.100 metros.

Campañó, o 20 de setembro, sobre 9.650 metros.

E o Medio Maratón de Pontevedra, o 19 de outubro, sobre 21.097 metros.