O calendario de piragüismo para 2014 pechado entre a Concellería de Deportes e a Federación traerá a Pontevedra a máis de 3.000 padexeiros

45

Máis de 3.000 padexeiros participarán nas cinco regatas de rango nacional e internacional que se celebrarán en Pontevedra ao longo deste ano. O calendario foi pechado hoxe polo concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, con representantes da Federación Galega de Piragüismo.
O ano comezará co Open de Kayak-Canoa Cidade de Pontevedra, que chegará ao Pontillón do Castro o 8 e 9 de marzo próximos. Seguirá coa Copa de España de 1.000 metros (26 e 27 de abril); a Copa de España de 500 e 200 metros (24 e 25 de maio); o Campionato de España de Novas Promesas (25 ao 27 de xullo)  e, finalmente, a Copa de España de Maratón (2 e 3 de agosto). Todas as probas serán no encoro de Verducido agás o maratón, que será no río Lérez como anticipo do Campionato de España do Ano Próximo e do Campionato de Europa de 2016.
Agustín Fernández subliñou que trátase dun calendario realmente ambicioso froito do entendemento coa Federación Galega e que vai supoñer un importante número de visitantes a Pontevedra, posto que algunha das probas (especialmente a de Novas Promesas) implica desprazamento de moitos pais e adestradores. Por outra banda, subliñou a categoría deportiva do calendario, remarcando que a Copa de España de Maratón será o único Selectivo clasificatorio directo para o Mundial de Oklahoma deste ano.
Na xuntanza de hoxe, na que participaron Esteban Alonso e Antonio Barreiro, director deportivo e responsable de actividades da Federación Galega, quedou completamente pechado o Open Kayak-Canoa Cidade de Pontevedra. Trátase da terceira edición deste Open patrocinado directamente polo fabricante portugués Nelo. As dúas primeiras edicións celebráronse en Portugal e, desta volta, recala en Pontevedra. Agárdase a presenza de máis de 600 padexeiros de 20 países, que se atopan adestrando nos diferentes campos de adestramento do país veciño. Entre eles hai varios medallistas nos pasados Xogos Olímpicos e tamén campións no último mundial de Duisburgo.
Agustín Fernández acordou coa Federación que tamén se invite a David Cal e ao deportista húngaro Attila Vajda, xestións que, de dar froito, garantirían un duelo realmente espectacular.
As dúas partes pretenden que sexa un evento do máximo rango e barállase a instalación de carpas no entorno do encoro para acoller á representación dos diferentes países, así como un servizo de autobuses entre Pontevedra e Verducido.