O CITA recibiu máis de 5.000 visitantes durante 2013

39

O Centro de Interpretación das Torres Arcebispais (CITA) recibiu o pasado ano máis de 5.000 visitantes, grazas ao incremento de visitas interesadas en coñecer este anaco da historia da cidade, así como da política promovida dende a Concellaría de Patrimonio Histórico, que dirixe Luís Bará, de encher esta magnífica instalación de actividades culturais compatíbeis con achados que conserva o CITA.
Segundo a memoria de visitas e actividades do CITA en 2013 revela que foron arredor de 3.000 persoas as que se achegaron ao museo interesadas polos seus achados, das cales máis de 2.000 pagaron a tarifa xeral (1,50 euros) ou a reducida (1 euro). Os datos de ingresos por este concepto foron 2.646 euros.
Neste aspecto hai que destacar que o CITA non estivo aberto todo o ano, dado que xaneiro e febreiro estivo pechado para facer traballos habituais de mantemento, así como case todo o mes de setembro, polo mesmo motivo.
Ademais, hai que salientar que no 2013 tamén se acordou a reducción dos días e dos horarios de visita. O CITA pasou de abrir mañá e tarde, salvo o luns, a pechar martes todo o día, mércores e xoves pola mañá, e o domingo polas tardes. Este novo horario entrou en vigor coa apertura a finais de febreiro.
Os meses con máis visitas foron marzo, maio e outubro.
En 2013, as 3.000 visitas do CITA completáronse con máis de 2.000 persoas que se achegaron a este centro arqueolóxico para participar nalgunha das múltiples actividades que alí se organizaron: presentacións de libros, concertos, teatro, danza, exposicions, reunións, Ludoverán, obradoiros da Feira Franca, festival Sete Falares, entrega dos premios Xoán Manuel Pintos… A Concellaría de Patrimonio Histórico acordou o pasado ano sacarlle a máxima rendabilidade ao CITA abríndoo á celebración de actos e eventos de carácter cultural compatibeis cos restos que acolle.
Entre os eventos máis salientábeis estivo o uso do CITA como unha das sedes do programa Sete Falares, a exposición de bicis antigas ou os obradoiros da Feira Franca. Só na exposición de bicicletas antigas asistiron 987 persoas, segundo os rexistros do centro.
Polo tanto, contando as visitas ao museo e as actividades culturais, en 2013 pasaron polo CITA máis de 5.000 persoas, unha cifra moi significativa se se ten en conta que estivo aberto pouco máis de 9 meses e reduciu significativamente o seu horario de visita.

Peche do CITA por mantemento
Por outra banda, a Concellaría de Patrimonio Histórico lembra que o CITA está pechado dende primeiros de ano para facer os traballos propios de mantemento e reparación, e a previsión e poder volver abrir ao público a mediados de febreiro, máis ou menos, como o pasado ano.