Arredor dun millón de euros no mantemento e conservación dos espazos públicos urbanos

62

O Concello de Pontevedra investirá un millón de euros neste ano na conservación e mantemento de espazos públicos na área urbana do concello. Segundo explicou o concelleiro coordinador dos traballos, Luís Bará, estes traballos son unha prioridade para o Goberno porque os espazos urbanos precisan unha atención permanente, xa que a situación de deterioro pode verse agravada polos efectos dos temporais.
A este respecto, Luís Bará precisou que as consecuencias dos temporais foron menores que o pasado ano, entre outras razóns, pola grande cantidade de reparacións que se fixeron entre xaneiro e abril de 2013 e outros traballos posteriores: pavimentacións, accesibilidade, mantemento… como no paso de peóns da Audiencia, na Porta de Travancas, en Eduardo Pondal… De feito, non foi preciso empregar a fórmula de contratación de emerxencia, tan só para instalacións como o Pazo ou o Pavillón dos Deportes.
De todos os xeitos, realizaronse traballos de reparación urxente todo este mes de xaneiro, por parte das brigadas municipais así como polas empresas de mantemento dos espazos públicos.
Luís Bará indicou que durante todo este ano “propoñémonos facer un traballo sistemático e intenso de conservación e mantemento no Centro histórico en rúas como Arcebispo Malvar, San Martiño…; en beirarrúas para solucionar problemas de lousas soltas ou rotas, especialmente nas entradas aos garaxes. De feito, a brigada municipal de obras traballou en máis de 30 rúas no que vai de mes para solucionar estas deficiencias na praza de Galicia, en Augsuto García Sánchez, Sagasta, na avenida de Vigo,…
Tamén se revisarán e repararán arquetas que causan ruídos e certos riscos a vehículos como motocicletas, ciclomotores ou bicicletas.
Outro dos puntos que se acometerá este ano será a segunda fase de pavimentacións (en 2013 fixéronse actuacións en 20 rúas) que se iniciarán no mes de febreiro, se o tempo acompaña. Son pavimentacións totais ou parciais que se farán en seis zonas da cidade. Son as seguintes:
• Zona sur: Fernando II, Afonso IX, Rafael Alonso, Bibiano Fdez Osorio Tafall, Abilleiras, zonas de Eduardo Pondal (rotonda con Uxío Novoneyra).
• Zona leste: Losada Diéguez, Rafael Dieste, zonas de Conde de Bugallal (O Marco),
• Zona oeste (Campo do Boi) Pilar Bértola, Xofre de Tenorio, A Barca
• Zona Norte (O Burgo-Lérez): rúa do Cordón, zonas de Avda Buenos Aires (Ponte dos Tirantes-praia fluvial)
• Zona Centro: Alameda, Martitegui, Praza de Galicia, González Besada
• Monte Porreiro: Portugal, Bélxica, Os Campos

Tamén se acometerán traballos de seguranza viaria, especialmente en ámbitos escolares e en centros de saúde coa colocación de lombos e redutores de velocidade. As zonas nas que se actuarán son:
• Domingo Fontán (á altura da imprenta provincial)
• Padre Gaite (entrada ao Estado da Xuventude, dende a avenida de Bos Aires)
• Avenida da estación (xunto ao Budo, aínda que esta actuación estará ligada á reforma da zona co desdobramento da avenida de Vigo).
• No contorno dos centros educativos e dos centros de saúde actuarase en:
o Raíña Vitoria  e na Alameda onde están varios institutos, unha escola infantil, o ambulatorio.
o Na avenida de Vigo (fronte a Sanidade) onde se detectaron excesos de velocidade, especialmente polas tardes e noites
o Na rúa San Amaro e Xoán Carlos I
o Ernesto Caballero.

O concelleiro delegado da área urbana tamén deu conta de que os servizos técnicos municipais están estudando unha solución para o derrube un noiro na avenida de Bos Aires, na entrada ao barrio de Monte Porreiro que na actualidade dificulta o transito peonil. En canto se teña unha solución, actuarase para restablecer a normalidade neste tramo.

Luís Bará explicou que o investimento durante este ano será dun millón de euros entre os contratos de mantemento tanto da área urbana como do centro histórico que son de 360.000 euros, en pavimentacións uns 300.000 euros, os custes da brigada son duns 300.000 euros, e a instalación de medidas de seguranza viaria rondarán os 90.000 euros.